Buscar
04:13h. Viernes, 19 de Octubre de 2018

Valoracións

A Xunta destaca que o paro cae a niveis de fai nove anos, un descenso que os sindicatos ligan á campaña de Nadal

Representantes da Xunta de Galicia e dos principais sindicatos valoran os datos do paro rexistrado en Galicia no mes de decembro.

A secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca./X.CRESPO.
A secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca./X.CRESPO.

A secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca, destaca que a a Comunidade Autónoma sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai nove anos, sumando xa máis de catro anos de baixadas consecutivas, desde novembro de 2013. Ademais, desde a Xunta resáltase que Galicia encadea cinco anos consecutivos de caída do paro interanual. Nestes cinco anos a cifra de paro descendeu en preto de 94.000 desempregados, é dicir, un de cada tres parados abandonaron as listas do paro neste período.

Deste xeito, a secretaria xeral de Emprego indica que a tendencia en Galicia é positiva, nun ano no que tanto estas cifras do paro como outros indicadores están a axudar a consolidar a recuperación da economía galega. “Os datos e a tendencia de cara a 2018 son positivos para o emprego pero temos moito traballo por diante xa que para nós é un asunto prioritario”, subliña Toca, quen sinalou que esta recuperación, acompañada dun contexto favorable, debe trasladarse ao mercado cunha mellora das condicións laborais e salariais.

Valoración dos sindicatos

Non comparten este optimismo os sindicatos. Desde a CIG chaman a atención no feito de que en decembro rexistráronse 3.710 ocupados menos con respecto ao mes anterior a pesar de que o paro baixou nese período en 2.162 persoas, “o que significa que este descenso do paro non se produciu porque os afectadoss atopasen un posto de traballo senón porque ou ben se deron de baixa dos servizos públicos de emprego ou decidiron probar sorte na emigración”, valora o sindicato nun comunicado.

A Confederación Intersindical Galega considera que o descenso de paro é unha baixada conxuntural ligada á campaña de Nadal, xa que o sector servizos foi único no que descendeu (un 2,32%).

O sindicato nacionalista tamén pon o acento na “elevada” temporalidade na contratación, até o punto de que dos 71.531 contratos asinados neste período unicamente 5.365 (un 7,5%) foron rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.

Para UGT-Galicia, os datos de paro rexistrado reflicten que na nosa Comunidade non se está a crear emprego ao mesmo ritmo que no resto de España. “A estacionalidade e a baixa calidade e duración destas contratacións non logra maquillar a debilidade do mercado laboral galego”, valoran no seu comunicado aos medios.

O sindicato tamén alerta dos peores datos de desemprego das mulleres, representando o 56% do total, e malia que en decembro o desemprego nas mulleres tivo unha mellor evolución que o dos homes (unha contración do 2,9% fronte a un incremento do 1,2%), en termos interanuais o desemprego nos homes caeu nun 13,6 %, mentras que e nas mulleres a diminución é moito menor, só o 7,2 %.

Finalmente, para o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia son uns datos “aparentemente positivos que agochan moitas sombras no mercado laboral galego”. Por un lado, o crecemento da actividade económica non se reflicte na creación de emprego —sitúase case un punto porcentual por detrás—. Polo outro, o emprego creado segue a ser de moi baixa calidade —case 950.000 contratos temporais asinados no último ano—. A mellora resulta aínda máis morna tendo en conta que no último ano o desemprego descende un 10,15 %, mentres que a afiliación só medra un 2,25 %.

En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a evolución do emprego en Galicia está «directamente relacionada coa aniquilación do investimento público» nos orzamentos da Xunta. A sindicalista coida «nefasto» o papel do Goberno galego como empregador e acúsao de abandonar «á súa sorte» os sectores produtivos do país.