Buscar
19:25h. Lunes, 12 de Noviembre de 2018

Análise de UGT-Galicia

A suba do salario mínimo a 1.000 euros beneficiaría a 143.000 traballadores galegos

UGT-Galicia ven de realizar unha análise do impacto que terá o IV Acordo para o emprego e a negociación colectiva (AENC) en materia salarial en Galicia, no que se refire á suba do salario mínimo de convenio a 1.000 euros para 2020,

En Galicia hai 143.000 traballadores a tempo completo con salarios inferiores a mil euros.
En Galicia hai 143.000 traballadores a tempo completo con salarios inferiores a mil euros.

Segundo a explotación de salarios no emprego principal da EPA, hai en Galicia 143.000 persoas asalariadas a tempo completo nos deciles 1, 2 e 3, é dicir, aqueles que teñen un salario inferior aos 1.000 euros. Son o 20,5% do total de asalariados a tempo completo (697.100 persoas).

Só hai catro comunidades autónomas, Murcia, Estremadura, Canarias e Andalucía, cunha porcentaxe de traballadores por debaixo dos 1.000 euros sobre o total superior ao indicador galego.

De feito, Galicia forma parte do grupo das sete comunidades autónomas (Andalucía, Murcia, Canarias, Estremadura, Galicia, Comunidade Valenciana e Castela-A Mancha) con sobrerrepresentación no número de traballadores con baixos salarios. Todas estas comunidades posúen unha porcentaxe maior de traballadores con salarios inferiores a 1.000 euros do que se derivaría polo seu peso sobre o total de persoas asalariadas no conxunto nacional.

Tomando os asalariados totais a xornada completa, Galicia ocupa o 5,5% do mesmo sobre o total do Estado pero integra ao 6,1% do total dos asalariados con salarios inferiores a 1.000 euros brutos. É dicir, que posúe unha sobreponderación en materia de baixos salarios e sitúase entre as sete comunidades con maior diferenza.

Os niveis de renda por habitante en cada territorio dependen do resultado da actividade económica nos mesmos, da súa maior ou menor xeración de valor engadido, o que, ademais, vai unido á calidade do emprego que se xera. Por iso, a maior PIB per cápita, maiores niveis salariais, en termos xerais.

Así, en Galicia o salario medio dos traballadores (supostas 14 pagas) é de 1.532 euros,o que sitúa a Galicia no posto 12º das comunidades. En relación ao PIB per cápita, este é de 22.497 euros por persoa, de novo, por abaixo da metade, neste caso no posto 11º. O que afecta á capacidade global de consumo e, por tanto, achega menos crecemento do seu PIB.

Por isto, salientan desde UGT-Galicia, "o aumento dos salarios nestes territorios menos desenvolvidos e con niveis salariais relativamente máis reducidos, como é o caso de Galicia, ten un dobre efecto positivo: primeiro, reduce as diferencias de capacidade de compra e de calidade de vida entre a poboación de diferentes zonas, aumentando a cohesión territorial; e, segundo, sirve para impulsar o crecemento naquelas comunidades con tecido industrial máis fráxil e con menores niveis retributivos, ao axudar ao mantemento do consumo das familias".