Buscar
01:39h. Lunes, 10 de Diciembre de 2018

Se as traballadoras o ratifican, desconvocaríase a folga prevista para o día 15

O sector dos produtos elaborados do mar alcanza un preacordo de convenio colectivo

O preacordo de convenio colectivo estatal asinado este sábado entre os sindicatos e a patronal do sector dos produtos elaborados do mar contempla unha suba salarial de entre o 16 e o 20%.

As asembleas que se celebrarán a partir deste luns nas empresas deberán ratificar o pactado, o que suporía a desconvocatoria da folga indefinida prevista para este xoves 15.

O achegamento entre as partes (as centrais CIG, CCOO e UGT e a patronal Conxemar) produciuse tras oito horas de negociación nun encontro que se celebrou en Vigo este sábado e no que participou a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. O acordo alcanzado contempla como principais aspectos unha suba de soldos total nos catro anos de duración do convenio (2018-2021) do 16 ao 20% segundo a categoría laboral, incremento e creación de novos pluses, redución da xornada, aumento das licenzas, ademais de regularse a subcontratación e o uso das ETT. 

Agora deberán ser as asembleas de traballadoras/es que se celebrarán nas empresas a partir deste mesmo luns as que ratifiquen un texto que tamén establece a creación do permiso retribuído para acompañar a menores ao médico -algo que era unha reclamación histórica do persoal do sector- e o aumento de categoría para todas as empregadas que leven tres anos contratadas nunha compañía.

No caso de que o preacordo sexa aprobado pola maioría do persoal a folga indefinida prevista para este xoves 15 quedaría desconvocada.

Dende a FGAMT-CIG valoran moi positivamente este preacordo de convenio e felicitan as traballadoras “pola súa loita coherente durante moitos meses, pero sobre todo nas últimas semanas coa convocatoria de tres xornadas de folga”. Xavier Aboi, secretario comarcal da federación en Pontevedra, considera que este resultado non sería posible sen a unidade e a determinación amosada polas empregadas do sector.