Alcanzado por UGT, CCOO e patronal

O preacordo no convenio do metal da Coruña recolle oito puntos de suba salarial

Os sindicatos UGT e CCOO acadaron un preacordo coa patronal do sector do metal da provincia da Coruña, ao abeiro da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, coa que se pon fin ao conflito do convenio que xa duraba máis de tres anos.

O preacordo no convenio do metal da Coruña recolle oito puntos de suba salarial

Grazas a este acordo, que deberá ser agora refrendado polas bases de ambos sindicatos, a negociación colectiva "vivirá unha estabilidade ata ano 2020 permitindo así a continuación da recuperación e o fortalecemento do sector", apuntan desde UGT-Galicia.

O pasado mércores 13 de setembro, as centrais sindicais UGT e CC.OO presentaran unha convocatoria de folga de carácter indefinido a partir do 19 de setembro, cuestión que precipitaba unha convocatoria da mediación no Consello Galego de Relacións Laborais o venres 15. Despois de máis de 8 horas de reunión cerrouse un preacordo onde se inclúen "importantísimos logros" para os traballadores e traballadoras do sector, sinalan desde os sindicatos. Refírense, en particular, a un incremento salarial de máis de 8 puntos, e a recuperación da cláusula de revisión salarial, e a obriga de aplicar o convenio do metal os traballadores das empresas multiservizos que operen no ámbito do convenio. 

Tamén se prevén licencias e permisos de ata 22 horas para acompañar ós fillos menores de 15 anos e os pais a cargo ao médico así como poder coller os tres días por enfermidade grave ou hospitalización en días laborables alternos; a consolidación e incremento dos pluses de xefe de equipo, actualización da antigüidade ou activación da tan demandada revisión salarial.

Ademais, contémplase a subrogación no mantemento para aqueles que presten servizo en empresas públicas, e a creación de comisións de traballo na que analizará e estudará a inclusión da subrogación para outros sectores, e para os acordos do naval. 

Sinalan desde UGT-Galicia que "as mobilizacións levadas a cabo polas traballadoras e traballadores antes do verán así como a convocatoria da folga indefinida foron fundamentais para poder chegar a este preacordo", que beneficiará ao redor de 18.000 traballadores do sector do metal da provincia da Coruña.

O preacordo no convenio do metal da Coruña recolle oito puntos de suba salarial