Buscar
21:50h. Viernes, 17 de Agosto de 2018

O GOBERNO PROVINCIAL INVESTIU 21 MILLÓNS DE EUROS NESTA MATERIA

As políticas de emprego da Deputación de Lugo facilitaron a inserción laboral de 171 lucenses

A deputada de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, realizou este venres, un balance da xeración de emprego na provincia durante os dous últimos anos e medio.

Sonsoles López Izquierdo, deputada de Promoción Económica da Deputación de Lugo.
Sonsoles López Izquierdo, deputada de Promoción Económica da Deputación de Lugo.

Sonsoles López Izquierdo subliñou que “grazas as políticas de emprego que desenvolvemos dende o Goberno da Deputación, acadamos a inserción laboral de 171 persoas participantes nas distintas edicións do Ben Empregado o que supón que o 35% dos beneficiarios deste plan estea traballando unha vez finalizado o período subvencionado polo Executivo provincial. Esta porcentaxe supera as programacións de emprego doutras administracións coas competencias en emprego, como por exemplo o INEM”

Ademais, cos programas de emprego do Executivo provincial 60 lucenses que estaban no paro conseguiron un contrato indefinido e de calidade. “Coa nosa xestión demostramos que si se quere e se traballa é posible combater a taxa de paro e a precariedade laboral, pero para iso, como digo, hai que querer e ter vontade de facelo, xusto o contrario do que está a facer o PP, que intenta confundir e enganar alardeando dun falso descenso no paro sen ter en conta a baixada poboacional. E o PP tampouco recoñece, cando dá os datos do paro na provincia de Lugo, que nos últimos sete anos hai 2.000 persoas menos traballando e o 87,3% dos contratos asinados no 1º trimestre da provincia son temporais, a maioría de 1 día ou mesmo de 1 hora. Un auténtico disparate”, destacou López Izquierdo.

As políticas de emprego da Deputación de Lugo tamén permitiron a creación de 50 novos empregos para colectivos en risco de exclusión laboral. Coa 3ª e 4ª edición do Ben Empregado o Goberno da Deputación decidiu financiar na súa totalidade os custos laborais de lucenses desempregados de colectivos vulnerables. “É un pracer constatar que a labor que estamos desempeñando é útil e que somos capaces de romper calquera tipo de barreira. Hoxe son 50 os lucenses nesta situación que xa están a traballar ou que van a comezar a súa andaina profesional nos próximos días” destacou López Izquierdo.

Balance dos plans de emprego

“Foron unhas 1.500 persoas as que atoparon traballo grazas as distintas edicións dos plans de emprego que levamos a cabo dende o Goberno da Deputación, o DepuEmprego e o Ben Empregado. E o facemos sen ter as competencias directas en materia de emprego, pois estas son da Xunta de Galicia e do Goberno central. Pero ante o total abandono e pasividade destas institucións, que miran cara a outro lado e non atenden as necesidades dos lucenses, dende o Executivo Provincial decidimos, unha vez máis, escoitar as prioridades dos nosos veciños, por iso, investimos máis de 21 millóns de euros na xeración directa de novos empregos de calidade en 800 empresas e colectivos dos 67 cncellos da provincia a través de programacións que buscan unha verdadeira inserción laboral”, sinalou a deputada.

Asemade, a deputada socialista resaltou que a institución provincial foi pioneira na inclusión de cláusulas sociais nos contratos e primou ás empresas "que promoven contratacións indefinidas, ás de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, medidas de conciliación e de igualdade de xénero, así como formación para os novos empregados”. De feito, o Goberno lucense retirou varias axudas a entidades lucenses por non cumprir as condicións e os requisitos sociais establecidos.

Sonsoles López Izquierod fixo referencia no seu balance aos mais de 2.000 expedientes na base de datos da Axencia de Colocación da Deputación de Lugo, e ás 21 novas empresas que recibiron asesoramento para a súa creación a través dos Campus de Emprendemento Sostible.