Buscar
16:42h. Martes, 25 de Septiembre de 2018

A entidade reserva 4 millóns de euros para esta convocatoria

O Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra permitirá a 400 mozos realizar prácticas en empresas da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova convocatoria do Plan de Práctica Laboral para que 400 persoas acaden unha primeira experiencia laboral “en empresas, corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais”, sinalou.

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.

Trátase, polo tanto, de 400 bolsas que teñen a finalidade de “que mozas e mozos con titulación universitaria ou de FP sen experiencia laboral previa no ámbito dos seus estudos, poidan promover e completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado laboral”, explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, en rolda de prensa.. 360 das bolsas destinaranse a empresas privadas e, as 40 restantes, a corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases “que regulan as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, da selección e distribución destas 400 bolsas” que se retribuirán con 740 euros para as persoas con ciclo superior de FP e con 840 euros para as que posúan titulacións universitarias, aumentando as cantidades respecto á anterior convocatoria. Estas cantidades sitúan o investimento que realizará o Goberno provincial nun total de “4.221.984 euros, dos cales 703.664 se corresponden coa anualidade 2018 e, 3.518.320 euros, co exercicio 2019”.

Carmela Silva resaltou que “se sumamos os máis de 2 millóns de euros que destinamos ao mesmo plan pero nos concellos da provincia e na Deputación, falamos dun total de 6.221.984 euros destinados a facilitar a inserción laboral, tanto na empresa privada como na administración pública, de 600 persoas”. Isto supón “313.000 € máis que o ano anterior”, informou, o que se traduce nun 5,3%.

Características das empresas beneficiarias

As empresas que desexen formar parte desta convocatoria deben dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficiente para executar os proxectos formativos de práctica laboral solicitados, estar inscritas no rexistro público correspondente, ter a sede social ou centro de traballo en Pontevedra. Tamén deben acreditar non ter despedido de forma improcedente a ningunha persoa traballadora da empresa da mesma titulación ou que realizara tarefas semellantes ás que realizará a persoa bolseira nos seis meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, asumir o compromiso de non extinguir contratos laborais vixentes ao persoal da mesma titulación, deseñar un proxecto ou programa formativo da práctica laboral, dispoñer de persoal técnico cualificado que se encargue da titoría ou non ter asignada na actualidade unha bolsa dos plans de práctica laboral da Deputación de Pontevedra.

As empresas interesadas deberán preinscribirse en liña a través de www.depo.gal. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOPPO.