Buscar
02:00h. Lunes, 23 de Abril de 2018

CONCENTRARANSE ÁS 10:30 HORAS

O persoal de Confecciones Guerral reclamará este sábado en Lalín o pago dos seus salarios, tras sete meses sen cobrar

As traballadoras de Confecciones Guerral, compañía lalinense do sector téxtil que se atopa en proceso de liquidación, mobilizaranse este sábado día 13 para reclamar o pago de salarios tras sete meses sen cobrar.

Xabier Aboi, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, con traballadoras de Confecciones Guerral./CIG.
Xabier Aboi, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, con traballadoras de Confecciones Guerral./CIG.

Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra denuncian que a propietaria da empresa posúe un patrimonio duns 15 millóns de euros e mantén débedas por valor de máis de catro millóns, ademais de co cadro de persoal, con Facenda, Seguridade Social, Xunta, Abanca, Fenosa e distintos provedores.

A protesta consistira nunha concentración en Lalín coa que os empregados queren denunciar "a situación na que se atopan despois de sete meses sen cobrar, a lentitude da xustiza e o silencio da Xunta ante a próxima desaparición da penúltima grande empresa téxtil do Deza, unha comarca que chegou a concentrar as principais firmas do sector". 

Un total de 33 persoas, das que 30 son mulleres con antigüidades de máis de 20 anos na empresa, quedarán na rúa “nunha situación moi difícil tendo en conta que se atopan nunha idade complicada para atopar un novo posto de traballo”, denuncian desde o sindicato.