Buscar
08:36h. Jueves, 23 de Noviembre de 2017

ATA ESTE MÉRCORES, EN IFEVI

A Finde.U aglutina máis dun milleiro de ofertas de emprego e de prácticas

O recinto feiral vigués de Ifevi acolle este martes e mércores a 2ª edición da Feira Internacional de Emprego Universitario, Finde.U, tras pasar a semana pasada por Exponor, no Porto.

Asistentes á primeira xornada da Finde.U, no recinto vigués de Ifevi./DUVI.
Asistentes á primeira xornada da Finde.U, no recinto vigués de Ifevi./DUVI.

Trátase dunha iniciativa das universidades de Vigo, Porto e Tras-os-Montes coa que queren dar resposta a diferentes cuestións prácticas ás que estudantes e titulados se enfrontan no camiño de busca dun posto de emprego. 

O obxectivo desta segunda edición é igualar e mesmo superar os datos da primeira edición na que, entre as dúas cidades sumaron preto de 5.000 visitantes, xestionáronse 13.5000 currículos e realizáronse 3.500 ofertas de emprego.  “Vai ser complicado mellorar as cifras da primeira edición, na que houbo unha asistencia moi numerosa de alumnado aos stands das empresas e ás actividades, pero confiamos que coas novidades que incorporamos este ano, como presentacións durante os dous días da feira de diversas firmas que van contar que perfís demandan e cales son as competencias que queren, igualemos ou superemos a asistencia do ano pasado”, explica Dolores González, vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, que salienta o incremento nesta segunda edición do número de empresas do ámbito xurídico-social, en especial consultorías, aseguradoras, banca e despachos de avogados, así como de firmas como PSA, que se achegan ao Ifevi por primeira vez.

A Finde.U dálles a oportunidade de achegarse ao mundo laboral a través de máis dun milleiro de ofertas de emprego e de prácticas, así como de participar en actividades como o Talent at Work, que se celebra o mércores ás 10 horas, e no que, dan man de representantes de Pescanova, Abanca, Aluminios Cortizo e Gradiant, poderán aprender a dirixirse a unha empresa, enfrontarse a unha entrevista laboral, ou saber que competencias e coñecementos deben ter para buscar traballo. 

Pola súa banda, as 60 empresas que participan na feira, á que só poden acceder achegando ofertas de emprego ou prácticas, teñen na Finde.U unha forma directa de coñecer ás súas e aos seus posibles futuros empregados, ao tempo que un escaparate a través do que amosarse entre as e os aspirantes a un posto de traballo ou unhas prácticas.