Buscar
21:34h. Lunes, 23 de Abril de 2018

BENEFICIARANSE 57 CONCELLOS PONTEVEDRESES

A Deputación de Pontevedra ofertará 200 bolsas de práctica laboral

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases do Plan de Práctica Laboral deste ano na Deputación e nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.

Tal e como sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, “destinaremos 2.110.992 euros cos que imos ofertar 200 bolsas de práctica laboral, 152 bolsas para diferentes concellos da provincia e 48 para a Deputación de Pontevedra”. A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén apuntou que “investimos 100.000 euros máis que no 2017”.Este Plan de Práctica Laboral está destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes, concretamente, Carmela Silva sinalou que “vanse beneficiar 57 concellos da provincia”. A duración destas bolsas será novamente de 6 meses prorrogables ata os 12 meses.

A principal novidade deste ano está na dotación económica para cada bolsa de traballo, xa que auméntase o salario mensual en 40 euros. A presidenta da Deputación de Pontevedra explicou que“as persoas con titulación universitaria percibirán 840 euros ao mes e as persoas de ciclos superiores de formación profesional recibiran 740 euros ao mes”.

Respecto a estas bolsas, en rolda de prensa, Carmela Silva resaltou que “volve poñerse en marcha este proxecto que permite aos concellos de menos de 50.000 habitantes ter cubertas necesidades de persoal tan importantes como as que teñen que ver co ámbito xurídico, pois,moitas veces, senón fóra por este plan algúns concellos non terían recursos humanos suficientes para levar a cabo diferentes procedementos administrativos”.

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais dende o día seguinte da publicación da convocatoria no BOPPO.