Proxecto "Erasmus + Practicum Depo"

A Deputación de Pontevedra adxudica 28 novas bolsas de mobilidade

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación de 28 bolsas de mobilidade ao alumnado participante no proxecto “Erasmus + Practicum Depo 2017”. 

A Deputación de Pontevedra adxudica 28 novas bolsas de mobilidade
Carmela Silva, na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.
Carmela Silva, na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.

Nesta sexta quenda, que comeza en outubro, alumnas e alumnos procedentes de quince centros educativos da provincia viaxarán a Bélxica, República Checa, Irlanda, Italia, Portugal e Finlandia para desenvolver as súas prácticas formativas ao longo de seis meses.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que este terceira edición de  “Erasmus + Practicum Depo 2017”  ten un orzamento de 700.967 euros e “ten por obxectivo impulsar a mobilidade das persoas con motivo da súa aprendizaxe”. Tamén engadiu que o que se pretende dende a institución provincial “é levar a cabo un programa de mobilidade de estudantes graduados e graduadas en Formación Profesional de ciclos medios para que se poidan formar e facer a súa primeira incursión no mundo laboral para intercambiar experiencias a través de prácticas en empresas e institucións estranxeiras”.

Silva tamén lembrou que “a continuidade deste proxecto está asegurada”. De feito, está en marcha un novo “Practicum Depo”, que constituiría a cuarta edición, no que se está a investir preto de 822.000 euros e a través do cal se van impulsar 124 novas mobilidades ata o 31 de maio de 2020, que permitirán que tanto alumnado como profesorado de 15 centros educativos de FP da provincia poidan coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa.

Dende que a institución provincial puxo en marcha “Practicum Depo” investíronse máis de 3,5 millóns de euros no impulso da mobilidade de case 450 persoas, entre o alumnado e o profesorado de ciclos formativos, que realizan as súas prácticas profesionais no estranxeiro ou viaxan para coñecer como se imparte a docencia destes niveis educativos noutros países da Unión Europea.

A Deputación de Pontevedra adxudica 28 novas bolsas de mobilidade