Buscar
04:05h. Sábado, 21 de Julio de 2018

CEGASAL TEN TRES CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO NA PROVINCIA

A Deputación de Ourense e Cegasal promoven o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o presidente da Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades para a posta en marcha de diversas medidas relacionadas coa promoción do emprego protexido a través dos centros especiais de emprego de iniciativa social.

Manuel Baltar e José Antonio Vázquez trala sinatura do convenio./A.PAZ.
Manuel Baltar e José Antonio Vázquez trala sinatura do convenio./A.PAZ.

O presidente da Deputación de Ourense destacou a importancia desta alianza estratéxica no eido da economía social que “está marcada por conceptos que ambas entidades temos interiorizados: o desenvolvemento sustentable e a empregabilidade das persoas discapacitadas e todos aqueles colectivos con dificultade de inserción, a través de actuacións conxuntas no eido do emprego, a formación, a capacitación e coa reserva da contratación pública para determinados aspectos que representa Cegasal”.

Co obxetivo de optimizar e valorar os resultados do acordo, decidiuse constituír unha comisión de seguimento, composta por dous representantes da Deputación e dous representantes de Cegasal, “para falar de mellorar a situación de emprego das persoas con discapacidade e de outras cuestións relativas aos obxetivos deste convenio”, dixo Baltar. Nese senso, o presidente de Cegasal destacou que a Deputación de Ourense é “a única de toda Galicia coa que asinamos un convenio que contempla o seguimento do seu cumprimento cada seis meses”.

José Antonio Vázquez asegurou que Cegasal vai a apostar por Ourense “como primeira provincia de Galicia na formación nas zonas rurais, implantando un paquete formativo ás persoas con discapacidade en toda a provincia de Ourense e, en concreto, nas súas zonas rurais”. Así mesmo, o presidente de Cegasal explicou que “todas as organizacións que traballamos a prol do emprego para as persoas con discapacidade temos unha materia pendente coas mulleres con discapacidade e, Ourense, será o trampolín para toda Galicia, para mostrar que esta provincia conta coas mulleres con discapacidade”.

Cegasal conta na actualidade con 17 centros especiais de emprego repartidos por toda a xeografía galega, tres de eles en Ourense, nos que emprega a máis de 1.250 traballadores.