Mobilización este mércores

A CIG rexeita os "atrancos" de Citroën en materia de conciliación laboral e familiar

A CIG concentrarase este mércores 11 de xullo, ás 13:30 horas, diante das instalacións de Citroën en Vigo para rexeitar os "atrancos" da empresa á hora de conciliar a vida laboral e familiar.

A CIG rexeita os "atrancos" de Citroën en materia de conciliación laboral e familiar
Ester Mariño e María Xosé García, na rolda de prensa de presentación da mobilización./CIG.
Ester Mariño e María Xosé García, na rolda de prensa de presentación da mobilización./CIG.

A mobilización forma parte da campaña que vén de poñer en marcha a Secretaría das Mulleres para denunciar a discriminación que padecen as mulleres nos centros de traballo. Terá lugar días antes de que se celebre o xuízo pola demanda de conflito colectivo presentado pola CIG contra o acordo entre Citroën e os sindicatos SIT-FSI, CCOO e UGT que limita a posibilidade de acollerse á redución de xornada. Este xuízo está previsto para o luns 16 de xullo, 

Segundo explicaron en rolda de prensa a responsablel do sector da automoción da CIG-Industria de Vigo, María Xosé García, e a técnica de Igualdade da central sindical, Ester Mariño, a protesta ten lugar no marco dunha campaña para combater a discriminación das traballadoras, optándose nesta primeira fase por poñer o acento sobre a conciliación laboral e familiar, e en particular no dereito á redución de xornada. Este dereito afecta maioritariamente ás mulleres, xa que arredor do 95% dos traballadoes que deciden acurtar o seu tempo de traballo para o coidado de persoas dependentes son mulleres.

A CIG escolleu PSA Vigo para iniciar esta campaña polo "acordo aberrante” asinado no seu día por unha empresa "destas dimensións" e polos sindicatos SIT-FSI, CCOO e UGT que limita o goce deste dereito por parte do cadro de persoal. O acordo impide que os beneficiarios da redución de xornada poidan escoller a porcentaxe que desexan reducir, “impóndoselles ou ben a redución da metade da súa xornada ou ben do 25%”. Outro aspecto do acordo que atenta contra a conciliación, denuncian desde a CIG, ten que ver con que o persoal que escolle reducir a xornada vese obrigado a facelo en maior medida no horario escolar. A central considera "aínda máis grave" que para os casos de violencia de xénero se estableza unicamente "a posibilidade" de reducir a xornada, cando se trata dun dereito establecido na propia lei. “Parécenos inconcibíbel que haxa sindicatos que se presten a avalar este tipo de acordos”, lamentaron as sindicalistas.

A CIG rexeita os "atrancos" de Citroën en materia de conciliación laboral e familiar