Buscar
14:19h. Sábado, 18 de Agosto de 2018

PROVOCARÍA A REDUCIÓN DAS CONTÍAS

A CIG rexeita que se amplíe o cálculo das pensións a toda a vida laboral

A CIG rexeita a posible reforma do sistema público de pensións para ampliar o período de cálculo a toda a vida laboral que vén de ser anunciada pola ministra de Emprego, Fátima Báñez.

 

A central sindical manifesta o seu "absoluto rexeitamento" á posta en marcha desta" ou doutras medidas similares que teñen como único obxectivo provocar unha aínda maior redución das súas contías e obrigar ás traballadoras e traballadores a subscribir plans privados para favorecer así o negocio da banc"a.

Fronte a isto a CIG demanda que "freen dunha vez os constantes ataques ao sistema público de pensións, que se derroguen as reformas que xa provocaron nos últimos anos o seu deterioro, que se garanta o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinala ademais a necesidade de derrogar as reformas laborais e exixe que se articulen medidas para rematar coa subcontratación, a precariedade e as tarifas planas para as empresas non cotizar á Seguridade Social, "que son as que van xerando un deterioro na vía dos ingresos".

Carril asegura que todas as dúbidas que se están a xerar arredor da viabilidade do sistema público de pensións son "interesadas"para favorecer "os plans privados e seguir neste camiño de recorte das pensións públicas, alongando os anos de referencia para o seu cálculo e na vía de atrasar a idade de xubilación até os 70 anos".

A xuízo da central, sindical, as consecuencias de tomar como referencia para o cálculo das pensións toda a vida laboral serían "nefastas" para a clase traballadora galega en xeral mais afectarían de forma especial á mocidade, cuxos ingresos (para os que teñen entre 18 e 26 anos) se reduciron desde 2009 un 24%, superando apenas os 6.300 euros anuais; e ás mulleres, "que xa están discriminadas no acceso ás pensións contributivas, porque teñen unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización".