O preacordo fora alcanzado por UGT, CCOO e patronal

A CIG non asinará o convenio do metal da Coruña

A CIG-Industria non vai asinar o convenio de siderometalurxia da provincia da Coruña, xa que o preacordo acadado o pasado venres polos sindicatos UGT e CCOO e a patronal ao entender que "está moi lonxe dos obxectivos que nos levaron á folga".

A CIG non asinará o convenio do metal da Coruña

A decisión que foi ratificada por ampla maioría nas asembleas de traballadores que a central nacionalista convocou esta semana na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.

A xuízo da CIG, este preacordo supón unha "traizón" por parte de UTG e CCOO a todos os traballadores do metal, racha coa plataforma sindical conxunta e tamén coa dinámica de mobilizacións e folgas iniciada polo sector, por primeira vez despois de 25 anos.

Para a Federación de Industria da CIG resulta especialmente grave que UGT e CCOO aceptaran frear en seco a dinámica reivindicativa xerada no sector para ceder na sinatura dun acordo que, entenden, non mellora as propostas xa postas enriba da mesa pola patronal, logo de sete xornadas de folganas que o persoal demostrou que sabe o que precisa e que sabe que só coa mobilización e a presión se logran avances.

Un convenio "eivado"

Para a central nacionalista,no preacordo asinado "nada se di da eliminación ou a limitación da contratación a través de ETTs e a subrogación só se contempla nas empresas de mantemento que traballen para entidades públicas, ficando fóra deste dereito o persoal doutros sectores". "Tampouco se avanza nada no poder de veto sobre as mutuas para os representantes do persoal nas empresas, nin na incorporación dos acordos da industria auxiliar de Navantia no articulado do convenio", valora o comunicado da CIG.

Créanse pola contra, comisións que se encargarán de estudar a ampliación da subrogación a outros sectores, así como de analizar os acordos da industria auxiliar. "Comisións que na práctica carecen de contido e valor real e que están deseñadas para autoxustificar as cesións na plataforma reivindicativa", apuntan desde o sindicato. Do mesmo xeito, as mutuas seguirán tendo liberdade de acción, xa que o único que se recolle no texto asinado e que a comisión paritaria do convenio realizará unha "análise global da eficiencia do colectivo de mutuas", que poderá recoller as queixa e trasladalas ás mutuas. Que é como dicir nada.

En canto á cuestión económica, non se recupera a revisión salarial dos anos 2015 e 2016, que se substitúe por unha paga "de premio pola sinatura do convenio", aínda que non se clarifica como se vai pagar nin a que persoal, pois só a percibirán aquelas persoas que estean dadas de alta na empresa a data da sinatura do convenio.  Non se contempla tampouco o complemento salarial para o persoal desprazado.

Canto á decisión de alongar a vixencia do convenio até os cinco anos (2015-2019), a CIG cre que é unha medida que vai destinada a apagar o sector e evitar que se manteñan as reivindicacións.

A CIG non asinará o convenio do metal da Coruña