Buscar
05:00h. Sábado, 22 de Septiembre de 2018

Pola intenció nda empresa de modificar as condicións laborais

A CIG convoca folga en Extel A Coruña

O sindicato CIG vén de convocar folga de 24 horas na plataforma da Coruña de Extel para o próximo xoves 18 de maio, en resposta á decisión da compañía de modificar as condicións de traballo.

Explican desde a CIG que, de efectivizarse, a modificación colectiva das condicións laborais afectará a 334 traballadores do call center coruñés, 857 no conxunto do Estado. Extel xustifica esta decisión no recurte do horario comercial do servizo de atención telefónica de Movistar; decisión que, a xuízo da central sindical, “resulta desproporcionada e carece de fundamento, pois a empresa nin busca adaptarse aos novos cambios, nin tenta sequera xustificar perdas económicas polo cambio de Movistar”. Para a CIG a modificación das condicións laborais encobre o obxectivo de “reducir o cadro de persoal a prezo de saldo”.

Detallan desde o sindicato que a intención da compañía é estender a xornada a tempo parcial “para meterlle o máximo número de fins de semana posíbeis, pero reducíndolle as horas de traballo (co conseguinte recorte dos salarios)”.  No caso dos empregados a tempo completo, a empresa quere implantar o horario partido e as quendas de fin de semana.

Amáis da folga, haberá unha concentración ás 12 horas diante do Edificio Proa en Matogrande, e asamblea de persoal para informar das xuntanzas coa dirección de Extel e avaliar outras mobilizacións.

A primeira reunión entre a empresa e os representanes sindicais do período de consultas, que remata o 5 de maio, tivo lugar o xoves 11 e están convocadas novas reunións en Madrid para o martes 16 e o mércores 17. "O que propón Extel é un ataque salvaxe. Un simple correo de Movistar non é suficiente para acreditar as causas  e para semellante medida, nin aceptamos as propostas da empresa, nin imos asumir reducións de xornada ou que se toquen as gardas legais", aseveran dende a CIG.