Buscar
00:40h. Sábado, 23 de Junio de 2018

CHAMAN A PARTICIPAR NA FOLGA DESTE XOVES

CCOO e UGT denuncian a fenda salarial e o empobrecemento das traballadoras galegas

En vésperas da celebración o 8 de marzo do Día da Muller Traballadora, UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia presentan senllos estudos sobre a situación laboral das mulleres galegas.

Mamen Suebio e Silvia Parga presentaron o informe sobre a situación sociolaboral da muller de CCOO.
Mamen Suebio e Silvia Parga presentaron o informe sobre a situación sociolaboral da muller de CCOO.

Os dous sindicatos coinciden en denunciar a fenda salarial entre mulleres e homes, así como a crecente precariedade laboral da poboación feminina.

Segundo Mamen Sabio, secretaria de Muller de CCOO, «a igualdade efectiva entre sexos segue sendo unha materia pendente, e vese ben claro no eido laboral». Puxo como exemplo que en Galicia hai máis mulleres (52%) ca homes en idade de traballar, pero participan menos no mercado laboral: o 49,41% das mulleres en idade legal de traballar son activas, porcentaxe que se incrementa ao 57,9% no caso dos homes. A barreira é aínda maior no que atangue aos postos de responsabilidade, nos que as mulleres «continúan a ser clara minoría» (30%), reprochou a sindicalista.

Segundo UGT-Galicia, é innegable a progresiva incorporación da muller ao mercado laboral pero, a pesar disto, as diferenzas por xénero persisten. As estatísticas están aí. As taxas de actividade feminina son 8,8 puntos inferiores ás masculinas e as de ocupación están 8,1 puntos por debaixo. Pero, contrariamente, a taxa de desemprego é 1,4 puntos superior no caso das mulleres.

Hai traballando menos mulleres ca homes e, por riba, «o seu emprego é máis precario», abundou Silvia Parga, economista de Comisións. A economista explicou que no 2017 traballaban a xornada parcial o 22% das mulleres, situación na que só estaba o 6% dos homes. É máis: o 77% dos empregos a xornada parcial están ocupados por mulleres. Neste punto, Mamen Sabio puntualizou que o 60% das traballadoras a tempo parcial non desexaban estar nesa situación, mais aceptaron «ao non atopar un emprego a tempo completo».

Máis mulleres con xornadas a tempo parcial, pero tamén máis traballadoras con empregos temporais: recorda CCOO que no 2017, o 28,7% das traballadoras por conta allea tiñan un emprego temporal, fronte ao 25,3% dos homes. Ademais, as mulleres concéntranse sobre todo no sector dos servizos, especialmente nas ramas máis feminizadas, que son tamén as peor remuneradas.

UGT-Galicia pon o acento na segregación horizontal que se dá ao analizar a ocupación por sectores. O 83,3% das mulleres están empregadas no sector servizos (417.700 mulleres). A continuación séguelle o industrial, cun 10% (49.900 ocupadas). Pola contra, o mercado laboral masculino caracterízase por unha maior diversificación.

Elas perciben salarios máis baixos

O emprego a tempo parcial, a precariedade, a segregación ocupacional, as fendas nas taxas de actividade, ocupación e paro, entre outros factores, axudan a explicar por que os salarios das mulleres son, en media, inferiores aos dos homes, sinalan desde Comisións. Segundo os datos da enquisa anual de estrutura salarial, a diferenza salarial entre homes e mulleres alcanzou os 5.096,50 euros no 2015. Isto quere dicir que o salario medio anual das mulleres tería que aumentar un 28,2% para equiparse ao dos homes. Engade o informe de UGT que as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis para percibir o mesmo salario que os homes nun ano.

CCOO salienta que as mulleres son maioría nos tramos salariais máis baixos. Segundo os datos da Axencia Tributaria, no 2016, o 36,2% das asalariadas obtiveron uns ingresos salariais que non superaban o salario mínimo interprofesional, dez puntos por riba dos homes na mesma situación (26,1%).

UGT-Galicia alerta de que a segregación vertical tamén é un feito. Tan só 11.400 mulleres galegas ocupan postos de dirección ou xerencia, fronte a 26.300 homes. Isto supón que tan só o 2,3% da poboación ocupada feminina está en postos de dirección ou xerencia, o “teito de cristal” segue presente para as mulleres.

Peores salarios, peores pensións

A precariedade e a pobreza salarial no presente tradúcense en «peores prestacións por desemprego e paupérrimas pensións futuras», alertaron Parga e Sabio. A fenda de xénero nas prestacións por desemprego sitúase no 16,7%, mentres que nas pensións está no 40,5%, segundo os datos de Comisións e no 37,7% segundo a análise de UGT-Galicia. Case 200.000 mulleres xubiladas na actualidade están vivindo cunha pensión de xubilación media de 655,85 euros, fronte aos 1.052,76 dos homes, abundan desde este último sindicato.

Chamamento á folga

Após a exposición deste estudo, a secretaria da Muller de CCOO chamou a facer da folga do próximo día 8 «un éxito». Sabio asegurou que o sindicalismo de clase «ten que dar un paso adiante» para combater estas desigualdades, e alertou especialmente sobre a fenda salarial e as súas repercusións: «róubannos salario e róubannos pensións», enfatizou.

Pola súa banda, UGT-Galicia considera que este 8 de marzo ten que converterse nun punto de inflexión para que as administracións, dunha vez por todas atendan a esta realidade e lle poñan freo. Urxe poñer enriba da mesa todas as medidas necesarias para rematar no eido laboral coa discriminación por razón de xénero. O sindicato anima a toda a cidadanía a secundar a folga de dúas horas por quenda e participar nas mobilizacións convocadas ao longo do día.