Buscar
07:12h. Domingo, 18 de Noviembre de 2018

A CIG rexéitao

CCOO de Galicia valida o pacto sobre o IV Acordo Estatal de Emprego e Negociación Colectiva

O Consello Nacional de CCOO de Galicia validou por unanimidade o principio de Acordo Estatal de Negociación Colectiva (AENC) para o período 2018-2020, alcanzado este luns por CEOE e Cepyme e os sindicatos UGT e CCOO.

Os presidentes de CEOE e Cepyme, Juan Rosell e Antonio Garamendi, xunto aos secretarios xerais de UGT, Pepe Álvarez, e CCOO, Unai Sordo.
Os presidentes de CEOE e Cepyme, Juan Rosell e Antonio Garamendi, xunto aos secretarios xerais de UGT, Pepe Álvarez, e CCOO, Unai Sordo.

Para cada un dos anos de vixencia do IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva (AENC) acordouse un incremento salarial fixo de ao redor do 2%, máis unha parte variable do 1% ligada aos conceptos que en cada convenio se determinen, tales como a evolución da produtividade, resultados económicos ou absentismo inxustificado, entre outros.

Ademais, durante a vixencia do AENC, e de xeito progresivo, ínstase a establecer un salario mínimo de convenio de 14.000 euros anuais. Este aumento gradual hase enmarcar nos propios convenios colectivos existentes, vinculándose á súa renovación.

Segundo o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, “debemos utilizar este AENC para desbloquear a negociación colectiva, tanto no sector privado como no público. Así llo faremos saber en breve tanto á Xunta como á patronal”.

Precisamente, as organizacións que asinan este acordo previo comparten a necesidade de manter a vixencia dos convenios mentres non se proceda á súa renovación —ultraactividade—. Para os casos de bloqueo das negociacións, as partes negociadoras deberán acudir aos sistemas de solución autónoma de conflitos, sexan estatais ou autonómicos.

Modificación do Estatuto dos Traballadores

Patronais e sindicatos tamén instan o Goberno á modificación do artigo 42 do Estatuto dos Traballadores sobre a subcontratación de obras e servizos, "que non deben incentivar a competencia desleal entre empresas nin deteriorar as condicións laborais". 

O acordo previo do IV AENC tamén inclúe medidas destinadas ao mantemento do emprego, favorecendo medidas alternativas ao despedimento, formación e cualificación profesional, absentismo, xubilación, loita contra a economía somerxida, o contrato de relevo e cuestións de igualdade entre mulleres e homes. Unhas e outras deberán ser negociadas tamén de xeito tripartito co Goberno do Estado. “Isto significa cuestionar os elementos básicos da reforma laboral”, afirma Sarmiento.

O AENC deberá aínda ser ratificado polo Consello Confederal de CCOO, que se reunirá o próximo xoves, día 28, en Madrid.

A CIG rexeita o acordo

Non comparte esta valoración sobre o IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva a CIG. Segundo o seu secretario xeral, Paulo Carril, a través deste documento, UGT e CCOO “lexitiman e consolidan a reforma laboral na súa peor versión, vendendo como avances acordos en materias que xa estaban aprobadas no Congreso dos Deputados pero que quedaran paralizados polo PP, para facerlle o xogo ao PSOE; perpetuando o empobrecemento xeneralizado e a precariedade ao pactar unha suba de arredor do 2% cando a perda de poder adquisitivo desde 2009 foi dun 16%; desligando os incrementos salariais do IPC e mesmo introducindo medidas que teñen como obxectivo garantirlle á patronal a paz social pola vía de limitar a capacidade de mobilización da clase traballadora”.