Buscar
22:39h. Domingo, 22 de Octubre de 2017

AFECTA A 3.000 TRABALLADORES

Asínase o convenio de carpintería e ebanistería da provincia da Coruña

Os sindicatos UGT-FICA, CCOO e CIG, veñen de asinar coa patronal do sector o convenio de carpintería e ebanistería da provincia da Coruña para os anos 2014-2019.

Un convenio que afectará a máis de 3.000 traballadores do sector na provincia de A Coruña.

Dende UGT-FICA destácase que a posta en marcha deste convenio suporá, no período de aplicación, unha suba salarial mínima dun 6%, garantindo, así, como mínimo unha ganancia de poder adquisitivo do 1,5%.

O novo convenio fixa unha cláusula de revisión salarial que se aplicará no caso de que o IPC supere o 1,5 por cento. Se se da este caso, revisaranse as táboas salariais co obxecto de garantir un 0,5% de ganancia do poder de compra.

Ademais, establécese unha nova clasificación profesional que vai supoñer no eido económico, por exemplo, que un oficial de segunda pase a cobrar na contorna dos 400 euros máis ao ano do que viña percibindo.

As indemnizacións por invalidez ou morte tamén se verán incrementadas e os traballadores das empresas multiservizos gozarán das mesmas condicións sociais e salariais que os empregados das empresas do sector para a que traballan.

Clásula sobre as empresas multiservizos

Precisamente, este último punto é o máis novidoso do convenio, a existencia dunha cláusula pola que se garante a todos os traballadores das empresas multiservizos, que prestan servizos ás empresas do sector, as mesmas condicións laborais das que gozan os propios traballadores do sector. É dicir, aplicaráselles o convenio do sector.