Haberá manifestacións este domingo 15 nas principais cidades galegas

Os sindicatos volven mobilizarse en defensa das pensións públicas

CCOO de Galicia e UGT-Galicia dunha banda, e CIG doutra, convocan este domingo 15 de abril mobilizacións en toda a Comunidade en defensa das pensións públicas.

Os sindicatos volven mobilizarse en defensa das pensións públicas
Unha protesta convocada pola CIG sobre as pensións, en Santiago./CIG.
Unha protesta convocada pola CIG sobre as pensións, en Santiago./CIG.

Os sindicatos estatais CCOO e UGT dan así continuidade á campaña iniciada o pasado mes de setembro en defensa de “pensións dignas”. Para ambos sindicatos, as medidas adoptadas polo Executivo nos Orzamentos Xerais do Estado nesta materia son “parciais e insuficientes e non van solucionar o problema presente e futuro dos pensionistas”.

Segundo CCOO e UGT, as medidas incluídas no proxecto de orzamentos do Estado para 2018 son “cortoplacistas, discriminatorias e electoralistas”. Eles propoñen que os Presupostos Xerais do Estado inclúan “a revalorización das pensións en base ao IPC, revisar as fontes de financiamento do sistema e eliminar o déficit da Seguridade Social”.

O domingo haberá mobilizacións na Coruña, Ferrol,  Santiago, Lugo, Viveiro, Foz, Ourense, O Barco, Vilagarcía, O Grove, Pontevedra e Vigo. Ademais, UGT e CCOO situarán estas reivindicacións como un dos eixos centrais para o próximo 1 de maio.

Derrogación das reformas das pensións

Pola súa banda, a CIG ten convocadas 25 mobilizacións en toda Galicia para a mesma xornada do domingo. A central sindical esixe a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 que, segundo o  seu secretario comarcal na Coruña,  Xabier Filgueira, supuxeron “a ampliación dos anos para o cálculo da base reguladora, a extensión da  idade de xubilación aos 67 anos, a desvinculación do IPC na revalorización ou a introdución do factor de sustentabilidade a partir de 2019”. Estas medidas provocaron “unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e están ocasionando que as galegas e galegos que acceden agora á xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accedeu en anos anteriores”, salienta a CIG.

Fronte a este realidade cualificou de "insulto para as e os pensionistas" os incrementos previstos no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, pois "con esa miserenta suba as mínimas non recuperan nin a cuarta parte do poder adquisitivo perdido dende 2010". Neste senso, a CIG reivindica que as pensións mínimas teñen que ser iguais ao salario mínimo interprofesional.

Os sindicatos lembran que a pensión media en Galicia  non supera os 788,49 euros (918 euros no Estado) e que o 64% das pensións galegas (o 50% das estatais) non chegan ao Salario Mínimo Interprofesional.

Os sindicatos volven mobilizarse en defensa das pensións públicas