A CIG sae a rúa este xoves e CCOO e UGT o sábado

Os sindicatos intensifican a campaña en defensa das pensións

Os tres principais sindicatos intensifican este días as súas campañas en defensa do sistema público de pensións.

Os sindicatos intensifican a campaña en defensa das pensións
Unha protesta convocada pola CIG sobre as pensións, en Santiago./CIG.
Unha protesta convocada pola CIG sobre as pensións, en Santiago./CIG.

Así, o  colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG convoca até 11 este xoves 15 de marzo, mentres que o S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia convocan 13 protestas o sábado 17.

A central sindical nacionalista, que promove estas protestas no marco da campaña para reclamar emprego, salarios e pensións dignas, decidiu convocar manifestacións e concentracións nas sete cidades galegas e nas localidades de Lalín, As Pontes, Boiro e Cee en horarios que van dende as 11 até as 19:30 horas. No centro das reivindicacións, “evitar o ‘roubo’ das pensións públicas, garantir o nivel adquisitivo das prestacións e lograr a derrogación das últimas reformas aprobadas por PSOE e PP”, explican nun comunicado.

Pola súa banda, CCOO e UGT organizan mobilizacións o sábado 17 de marzo, na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Viveiro, Foz, Ribeira, O Grove e O Barco de Valdeorras. Nestas convocatoria Demandarán prestacións dignas, a recuperación do poder adquisitivo das pensións e denunciarán “a miserable e irrisoria” suba do 0,25%.

Entre as principais demandas da CIG salientan o adianta da idade de xubilación, como mínimo aos 65 anos; a equiparación da pensión mínima ao salario mínimo; que a actualización anual das pensións sexa equivalente, como mínimo, ao IPC; rematar coas bonificacións e descontos para o empresariado nas cotizacións; a supresión do límite máximo de cotización para os salarios máis altos; acabar co uso indebido dos fondos da caixa da Seguranza Social, dedicándoa a financiar as pensións contributivas, de viuvez e orfandade, e asumindo as demais pensións asistenciais e subsidios aos Orzamentos Xerais do Estado.

Demandas compartidas, en liñas xerais, polos dous sindicatos estatais. CCOO e UGT consideran que o Goberno "debe garantir xa o poder adquisitivo das pensións; erradicar o déficit da Seguridade Social e garantir o presente e futuro das pensións e do sistema público". “Porque hai que eliminar as subvencións con cargo á Seguridade Social, cuxo custe debe asumir o Estado; porque hai que conseguir que os gastos do sistema se paguen como o resto dos organismos públicos, cos Orzamentos Xerais do Estado e non con cotizacións; porque hai que destopar as cotizacións; e porque hai que mellorar os ingresos do sistema, tanto os derivados de cotizacións como de ingresos fiscais”, enumeran os motivos para acudir a estas protestas, que se enmarcan nunha campaña de ámbito estatal que comezaba en setembro pasado e que “será sostida e crecente” mentres o Goberno central non mude a súa postura.

As segundas pensións máis baixas do Estado

Desde a CIG sinalan que a pensión media en Galicia é 15 puntos máis baixa que a media estatal, as segundas prestacións máis baixas despois de Extremadura. UGT e CCOO denuncian que a pensión media sitúase en 918 euros e a máis frecuente en 650 euros e que o 50% das pensións non chega ao SMI e o 38% dos pensionistas viven baixo o limiar da pobreza. Tamén recordan que as pensións son a fonte de ingreso de máis de nove millóns de persoas.

Os sindicatos intensifican a campaña en defensa das pensións