Recolléronse máis de 25.000 datos

Preséntase o novo informe do Observatorio Urbano de Pontevedra

Ser unha ferramenta de información socioeconómica  para os axentes sociais e para cidadanía é o obxectivo do Observatorio Urbano de Pontevedra, cuxo último informe, correspondente ao 2017, vén de ser presentado.

Preséntase o novo informe do Observatorio Urbano de Pontevedra
Daniel Gallego e Pedro Figueroa, coordinadores do informe do Observatorio Urbano de Pontevedra./DUVI.
Daniel Gallego e Pedro Figueroa, coordinadores do informe do Observatorio Urbano de Pontevedra./DUVI.

O Observatorio Urbano de Pontevedra é un documento impulsado polo Concello de Pontevedra e elaborado polo grupo de investigación G4 Plus, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. 

No seu último informe -a terceira edición- recolle un total de 25.546 datos, repartidos en dous bloques estruturais, cohesión social e economía e empresa, 19 ámbitos, 65 variables e 260 indicadores.

Segundo explicou o profesor Pedro Figueroa, coordinador do documento, "neste informe o que fixemos foi consolidar información que xa incorporaramos o ano anterior e coa que podíamos establecer xa comparativas”. Deste xeito, o informe permite analizar a evolución de múltiples indicadores respecto de exercicios anteriores, así como “a posición que ocupa Pontevedra” respecto das sete cidades galegas e os municipios da súa comarca.

“É unha unha compilación de todos os datos dispoñibles para Pontevedra organizados nun sistema indicadores”, sinala Figueroa, que traballa xa xunto co investigador Daniel Gallego, na compilación de datos correspondentes a 2018, labor na que contan co asesoramento de preto de 20 investigadores e investigadoras de diferentes centros do campus pontevedrés e que contará no presente ano cunha maior participación dos investigadores Juan Vidal e José María Chamorro, investigadores dos grupos EA7 e RGEA, pertencentes, ao igual que o grupo G4 Plus á agrupación estratéxica Ecobas. 

Actividade económica e empresarial

No bloque correspondente a economía e empresa, o informe recolle información sobre o mercado laboral, fogares, estrutura empresarial, economía social e solidaria, turismo ou impostos; bloque que permite coñecer tanto que Pontevedra foi en 2017 a cidade cun mellor saldo respecto do número de empresas creadas e dadas de baixa, mentres que ocupou na quinta posición no descenso do paro, un 11% fronte a 2016, no conxunto das cidades. O informe recolle así mesmo información respecto da fenda salarial, que cifra nun 19% a diferencia entre as retribucións percibidas por homes e mulleres, a terceira máis baixa das cidades galegas. 

O documento tamén achega neste bloque datos non accesibles noutras fontes no apartado de economía social e solidaria, ámbito no que Pontevedra conta con máis de 150 entidades, presentando a mellor posición das sete cidades na ratio de sociedades laborais por cada mil empresas e a peor no número de cooperativas existentes. Tamén grazas ao tratamento de información reunida ex profeso para este documento, o informe detense na achega económica da Brilat á Pontevedra, “un dos maiores centros de traballo no concello”, onde traballan diariamente entre 2000 e 2200 persoas e cuxa actividade tivo en 2017 tivo un impacto directo de 43,4 millóns de euros.

O outro bloque no que se divide o Observatorio Urbano de Pontevedra, o de cohesión social, reúne información sobre poboación, benestar e saúde, educación, cultura e deporte, participación cidadá ou actividade xudicial.

Preséntase o novo informe do Observatorio Urbano de Pontevedra