Informe "As pensións galegas segundo as fontes tributarias"

A pensión media galega, un 11% inferior á media estatal

A contía media das pensións galegas é de 12.273 euros anuais, un 11 % inferior á media estatal, segundo se recolle no estudo "As pensións galegas segundo as fontes tributarias" elaborado pola Secretaría de Emprego de CCOO de Galicia.

A pensión media galega, un 11% inferior á media estatal
Galicia reúne o 8,2 % das persoas pensionistas de España.
Galicia reúne o 8,2 % das persoas pensionistas de España.

Para a elaboración deste documento, CCOO baseouse no informe sobre "Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias", elaborado pola Axencia Tributaria (AEAT). Consiste nunha estatística censual que recolle información de todas as persoas que ao longo do ano tiveron relación tributaria coa Axencia por retencións no IRPF motivadas en salarios, pensións ou prestacións por desemprego. Os datos utilizados son os do ano 2016, últimos publicados.

No ano 2016, percibiron unha pensión en Galicia 791 884 persoas, cunha contía media de 12.273 euros. Segundo a estatística da AEAT, deuse un incremento do 0,05 % no número de persoas pensionistas e do 2,5 % na contía media da pensión.

Ademais, catro de cada dez xubilados están por baixo da pensión mínima. Isto significa que, segundo datos do 2016, 310.793 galegos tiveron que vivir con pouco máis de 700 euros ao mes, concretamente 8.449 euros anuais.

Os datos sobre as pensións tamén reflicten o avellentamento da poboación galega: malia que Galicia só ten o 5,8 % dos habitantes de España, reúne o 8,2 % das persoas pensionistas. 

Por outra banda, as pensións galegas teñen faciana de muller: elas perciben o 51,7 % das pensións e a súa contía son o reflexo da diferente vida laboral de homes e mulleres. A pensión media das mulleres equivale ao 71,2 % da dos homes.

Deseñar un novo modelo de relacións laborais

En opinión de CCOO, cómpre derrogar as reformas laborais e de pensións e "deseñar un novo modelo de relacións laborais acorde coas novas realidades e que reequilibre a posición dos traballadores e traballadoras fronte ao poder empresarial", así como desenvolver "políticas que permitan que a reactivación da economía se traslade á consolidación e modernización do tecido produtivo e á creación de emprego de calidade".

A pensión media galega, un 11% inferior á media estatal