Buscar
02:40h. Miércoles, 17 de Octubre de 2018

A CIG fará un chamamento á folga xeral

Mellor emprego, maiores salarios e pensións dignas, as reivindicacións para este Primeiro de Maio

Os sindicatos convocan este 1 de Maio manifestacións nas principais cidades e vilas galegas

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia, e José A. Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia, na presentación das manifestacións do Primeiro de Maio.
Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia, e José A. Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia, na presentación das manifestacións do Primeiro de Maio.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia convocan nove manifestacións conxuntas: en Vigo sairá ás 11:30 horas do cruce de Urzáiz coa Vía Norte, e en Santiago, á mesma hora, da Alameda. Na Coruña (praza da Palloza), Ferrol (praza do Inferniño), Ourense (Pavillón dos Remedios), Pontevedra (praza da Ferrería), Vilagarcía (praza de Ravella) e Viveiro (rúa García Dóriga) as manifestacións comenzarán a mediodía, e en Lugo, ás 12:30 horas (saíndo da Ronda da Muralla, diante dos sindicatos).

Pola súa banda, a CIG convoca ás 11:30 horas en Pontevedra (praza da Ferrería) e Ourense (praza Maior); e ás 12 horas en Vigo (cruce de Gregorio Espino con Urzaiz), A Coruña (praza de Vigo), Compostela (praza Roxa), Ferrol (no seu local na avenida de Esteiro), Lugo (no edificio sindical), Vilagarcía (Casa do Mar), A Estrada (praza do Mercado), Cee (diante do Concello), Ribadeo (no edificio sindical) e Ribeira (na praza do Peixe). Finalmente en Cangas manifestaranse na praza do Concello ás 18:30 horas.

En demanda dun reparto da riqueza máis xusto

O S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia fan un chamamento á cidadanía galega a participar masivamente nos actos convocados para conmemorar este Primeiro de Maio. “A data tense que converter nun punto e aparte porque chegou o momento de que os traballadores participen na mellora da economía e que a riqueza comece a repartirse dun xeito máis xusto”, sinalan ambos sindicatos.

Baixo o lema “É tempo de gañar. Igualdade, mellor emprego, maiores salarios e pensións dignas”, UGT e CCOO queren que esta data se converta “nun berro unánime da cidadanía galega aos gobernos do PP en Madrid e en Galicia porque xa van catro anos de crecemento económico, hai máis empresas con beneficios que antes da crise e, sen embargo, a desigualdade e a pobreza está a niveis moi superiores aos que había antes de 2008.”

Ambos os sindicatos consideran que as políticas económicas do crecemento e da precariedade son as responsables desta situación. A desvalorización salarial e a precarización das condicións de traballo, promovidas pola reforma laboral, fomentan unha recuperación baseada nun reparto desigual da riqueza e fomenta un modelo de crecemento asentado en actividades pouco produtivas.

A CIG chama a unha folga xeral

De maneira independente convoca a CIG as súas manifestacións do 1 de Maio, baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical fai un chamamento a camiñar cara a unha folga xeral “no convencemento de que é a resposta necesaria” ante a situación que estamos a vivir.

Fronte á “propaganda diaria” sobre o crecemento e a recuperación da economía, a CIG advirte que na realidade “estamos diante dunha gran mentira porque todos os indicadores públicos evidencian un empobrecemento xeneralizado”. Unha situación que achacan desde a central sindical á “imposición durante os últimos anos, primeiro polo PSOE e despois polo PP, das reformas sociais, laborais, das pensións –esta última co apoio de UGT e CCOO-, das privatizacións de servizos públicos (sanidade, ensino, servizos sociais)”.

A CIG entende que “non podemos permitir a continuidade dos efectos da crise económica nin das reformas laborais e sociais impostas no seu nome porque manteñen o saqueo ás maiorías sociais e ao pobo galego”.