Informe do Foro Económico de Galicia sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico

Galicia debe liderar a nivelación dos servizos públicos descentralizados

Galicia debe liderar a nivelación de todos os servizos descentralizados como fórmula para garantir a equidade entre todos os españois e asegurar o autogoberno; esta é a principal conclusión do informe elaborado polo Foro Económico de Galicia sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico.
Galicia debe liderar a nivelación dos servizos públicos descentralizados
Expertos do Foro Económico de Galicia presentaron o documento sobre a reforma do financiamento autonómico.
Expertos do Foro Económico de Galicia presentaron o documento sobre a reforma do financiamento autonómico.

O grupo de traballo do Foro Económico de Galicia formado polos economistas Santiago Lago Peñas, Xoaquín Fernández Leiceaga, María Cadaval Sampedro e Alberto Vaquero García, presentou este venres en Santiago o seu informe sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico encargado polo Parlamento autonómico e xa entregado.

As estatísticas da OCDE amosan que España é o país da UE cunha maior descentralización tributaria. Porén, necesítanse axustes de natureza técnica para garantir que a autonomía se poida exercer de forma suficiente e clara para os cidadáns.

Os expertos do Foro desbotan o sistema de concerto, xa que leva ao goberno central á renuncia do seu poder fiscal nunha parte do territorio. No caso de Galicia, os autores consideran que non sería positivo porque reduciría os fluxos fiscais que benefician á Comunidade.

O documento salienta a necesidade de que Galicia lidere a defensa do retorno á nivelación de todos os servizos públicos descentralizados. Esta nivelación encaixa cunha concepción ampla da equidade entre todos os españois, e porque é o que posibilita que a autonomía política e o autogoberno sexan compatibles coas capacidades de prestar servizos públicos similares en toda España, con respecto á igualdade do esforzo fiscal realizado polos cidadáns.

Sobre a proposta do Ministerio

No que atinxe á proposta do Ministerio de Hacienda remitida ás comunidades autónomas en decembro de 2021 para a súa discusión, os autores fan tres consideracións que afectan ás dúas novas variables incorporadas; isto é, aos custos fixos e ao despoboamento.

Primeiro, se aumenta o número de factores adicionais ao da poboación, o razoable é que aumenten tamén o peso global do conxunto das variables correctoras. Do contrario, dilúese o efecto das preexistentes (espallamento poboacional, insularidade e superficie). Os expertos consideran que as novas correccións non poden supoñer, en ningún caso, unha redución do efecto das xa existentes.

En segundo termo, percíbese unha notable discrecionalidade no caso da nova variable de despoboamento. Ésta concentraríase en catro comunidades porque os seus valores de densidade están por debaixo da media e entorno a 25-27 habitantes /km2. En realidade, o que se está a facer é “sobreponderar” unha variable que xa está no modelo: a superficie. Isto é evidente ao comparar as comunidades autónomas gañadoras ca incorporación desta variable: Castela-A Mancha, Castela e León, Aragón e Extremadura, coas catro comunidades autónomas máis extensas, a marxe de Andalucía.

En terceiro lugar, o xeito de se aproximaren aos custos fixos tampouco é razoable nin aceptable de ningún modo ao limitar o seu impacto a aquelas autonomías con menos de 2 millóns de habitantes. É evidente que os costes fixos existen para todas as comunidades. A única forma de introducir estes costes no modelo é a través dunha contía que sexa idéntica para todas as comunidades de réxime común, de xeito que cada unha delas se leve 1/15 do total asignado.

Fondo de Liquidez Autonómica

Os expertos consideran que deben procurarse fórmulas que permitan metabolizar a débeda acumulada aos gobernos máis endebedados e evitar a condonación e/ou os incentivos perversos, polos agravios comparativos que provocaría. Trátase, para os territorios máis endebedados, de ampliar os prazos de devolución (50 anos ou máis) e garantir tipos de xuro por baixo do 1%.

Como derradeiro punto, os autores do informe propoñen unha revisión razoable do importe global e regras de reparto dos importes recibidos dende o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). Así, Galicia podería recibir preto de 300 millóns anuais, contra os 200 millóns anuais que recibía antes da crise. Cabe lembrar que nos presupostos da Xunta do 2021 son menos de 50.

Galicia debe liderar a nivelación dos servizos públicos descentralizados