Buscar
02:24h. Domingo, 18 de Noviembre de 2018

Presentación da memoria 2017 do Craega

Galicia prevé alcanzar as 40.000 hectáreas certificadas de agricultura ecolóxica no 2021

A Consellería do Medio Rural e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) calculan que, para 2021, Galicia contará con 40.000 hectáreas de superficie certificada de agricultura ecolóxica. 

Belén do Campo, Ángeles Vázquez, Francisco López e Javier García na presentación da memoria do Craega.
Belén do Campo, Ángeles Vázquez, Francisco López e Javier García na presentación da memoria do Craega.

Esta é a previsión que se contempla no Plan estratéxico que impulsa a Xunta de Galicia, en colaboración co sector, para este eido produtivo, segundo se deu a coñecer na rolda de prensa de presentación da memoria 2017 do Craega. No acto particparon a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o presidente do Craega, Francisco López, o secretario, Javier García, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A titular de Medio Rural destacou as principais magnitudes deste informe, que –dixo– reflicten un “crecemento imparable” da agricultura ecolóxica na nosa comunidade. Así, en relación co 2016, incrementouse un 42% o volume de ventas certificadas polo Consello Regulador. En valor monetario, son 17,3 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Así mesmo, Ángeles Vázquez salientou o aumento, por riba do 15%, da superficie inscrita e a suba de case un 13% do número de operadores, ata superar os mil rexistrados.

Ángeles Vázquez referiuse á importancia que ten esta evolución positiva do ecolóxico desde o punto de vista de xeración de riqueza e emprego no agro galego e botou a vista atrás, achegando datos que reforzan esta tese. Así, afirmou que no ano 1997, cando iniciou a súa actividade o Craega, apenas había 13 hectáreas en toda Galicia de cultivos ecolóxicos e en dez anos pasouse a 10.000. Na actualidade, destacou a conselleira, “contamos con case 32.000 hectáreas certificadas”.

A titular de Medio Rural sinalou ademais que Galicia destaca no ámbito gandeiro, sendo a primeira comunidade española en explotacións de leite ecolóxico e ocupa o segundo posto en produción de aves de curral para carne, así como tamén a segunda posición no eido apícola.

Investimento de 4,3 millóns

Para fomentar as prácticas ecolóxicas, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou un investimento total de 4,3 millóns de euros nos próximos anos, consonte ás liñas marcadas polas instancias comunitarias, no sentido de impulsar unha agricultura sustentable tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, que garanta o seu futuro.