Mantivo un encontro no marco da II Feira da Enerxía de Galicia

O Foro Enerxético de Galicia reivindica a innovación como elemento tractor do sector enerxético

O Foro Enerxético de Galicia fai unha chamada a administracións e empresas galegas para que fagan unha aposta clara e decidida polo investimento en I+D+icomo elemento tractor da economía galega, e en concreto do sector enerxético.

O Foro Enerxético de Galicia reivindica a innovación como elemento tractor do sector enerxético
Integrantes do Foro Enerxético de Galicia na II Feira da Enerxía.
Integrantes do Foro Enerxético de Galicia na II Feira da Enerxía.

Durante unha reunión celebrada no marco da II  Feira da Enerxía de Galicia, o Foro Enerxético de Galicia chegou á conclusión de que "é imprescindible unha aposta clara pola xeración de coñecemento en temas como a transformación de enerxía, a xeración de enerxía utilizando tecnoloxías renovables ou a aplicación da eficiencia enerxética na manufactura industrial ou nos fogares", indican nun comunicado.

"O I+D+i no sector enerxético é un camiño prometedor, sendo un sector moi atractivo pola elevada taxa de retorno e cun efecto inmediato e cuantificable na estrutura produtiva en Galicia", sinalan desde o Foro. Outra das vantaxes é o incremento da competitividade das empresas, debido a que se trata dun campo no que a exportación de coñecemento pode supor elevados ingresos para as empresas da Comunidade como aconteceu no sector eólico a principios deste século XXI.

As medidas directas para impulsar o I+D no sector enerxético serían, entre outras, incrementar as colaboracións público-privadas neste eido, o impulso por parte das administracións e das empresas á innovación en enerxías renovables e redes distribuidas e o aproveitamento do coñecemento de proxectos xa feitos en eidos como as enerxías mariñas, a biomasa, o biogás e a xeotermia . Tamén propoñen a promoción por parte das administracións de proxectos demostradores de enerxía eólica offshore, dada a capacidade industrial de Galicia neste ámbito, e proxectos demostradores de novas tecnoloxías de xeración e almacenamento, como é o caso do hidróxeno e de distribución, en base ao cambio de paradigma que supoñen as redes distribuidas.

En caso de aplicarse as medidas de apoio á innovación, desenvolvemento e investigación no sector enerxétciocontribuirían a crear e consolidar tecido empresarial en Galicia e desta maneira acadar o obxectivo do 20% da produción industrial no Producto Interior Bruto.

Sobre o Foro

O Foro Enerxético de Galicia é unha iniciativa independente que reúne a expertos no sector da enerxía da Comunidade Autónoma e pretende lanzar propostas de mellora da infraestrutura autonómica galega ás administracións públicas, tecido e sociedade galega en xeral. Trátase dunha iniciativa non oficial e independente, que non está vinculada a ningunha administración pública, organismo empresarial ou grupo de interese.

O Foro Enerxético de Galicia reivindica a innovación como elemento tractor do sector enerxético