Buscar
16:55h. Miércoles, 19 de Septiembre de 2018

O convenio inclúe formación e xornadas divulgativas

Deputación de Pontevedra e Ódega impulsan un proxecto piloto de produción de castaña nas Neves

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde das Neves, asinou o convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega para o fomento da produción de castaña na provincia de Pontevedra.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co alcalde
das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, asinou co secretario xeral da Asociación de
Desenvolvemento Rural Ódega, Miguel Soto, o convenio para o fomento e a promoción da produción de castaña.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, asinou co secretario xeral da Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega, Miguel Soto, o convenio para o fomento e a promoción da produción de castaña.

Este ano o convenio estará centrado nas Neves, a zona cero da vaga de lumes do pasado outubro. En total, a Deputación de Pontevedra vai achegar 35.000 euros a través dos cales se porá en marcha un proxecto piloto e un programa formativo a través do cal se darán a coñecer as posibilidades da produción, cultivo e comercialización da castaña en terreos agroforestais da provincia de Pontevedra durante o último semestre do 2018.

Máis polo miúdo, o convenio porá en marcha unha experiencia piloto que consistirá no establecemento dunha parcela demostrativa para o cultivo da castaña no concello das Neves, que terá unha superficie de unha hectárea de cultivo e que estará executada no mes de decembro. Ademais, proponse un deseño de plantación e un manexo da mesma que servirá como modelo piloto para a súa replicación a escala produtiva en toda a provincia de Pontevedra.

A Presidenta da institución provincial explicou que este ano a acción centrase en As Neves, “un concello moi afectado polos incendios e que está a traballar para crear un proxecto de desenvolvemento rural que permita fixar á poboación no territorio, desenvolver proxectos sostibles medioambientalmente ecolóxicos e polo tanto salvagardar unha zona tan importante”, informou.

O alcalde do municipio, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, manifestou que esta sinatura por parte da Deputación significa “unha clara manifestación de vontade nun aspecto de recuperación medioambiental nunha determinada área, ademais de establecer un mecanismo de valoración do chan de tal maneira que a recuperación ambiental signifique tamén unha recuperación económica para o entorno”. 

Xunto a esta experiencia piloto, vanse realizar unha serie de accións de formación dirixidas a propietarios forestais, comunidades de montes veciñais en man común e cooperativas agrarias da provincia sobre as posibilidades de produción, cultivo e comercialización da castaña como alternativa de aproveitamento en terreos agroforestais.  Estas formacións levaranse a cabo en As Neves e en dous concellos da comarca Condado-Paradanta.

O  convenio tamén contempla o desenvolvemento de xornadas divulgativas e mesas redondas no concello de Silleda sobre o cultivo do castiñeiro e a produción de castaña, que incorporarán ponencias e a presenza de expertos e profesionais relevantes do sector da castaña.

Importancia económica da castaña

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio “xa que os montes son unha riqueza extraordinaria da nosa provincia e estamos obrigados a desenvolver proxectosque permitan cambiar os seus usos e facer que estes sexan produtivos, é fundamental pasar da produción de eucaliptos á produción de arbores que dan froitos e que, consecuentemente, permitan o desenvolvemento económico”.

Silva achegou datos económicos da importancia deste froito seco. “Galicia e a rexión líder en produción de castaña con preto de 38.000 hectáreas en produción, que xeran 25000 toneladas ao ano deste froito e un valor de 40 millóns de euros en fresco”, sinalou. Tamén afirmou Silva que “aproximadamente 10.000 persoas galegas venden castañas e o 90% da súa produción vai a mercados exteriores, de feito mais de 60 países do mundo comen castaña galega”.

Pola súa banda, o secretario xeral da Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega, Miguel Soto Albores, declarou que este proxecto supón “unha alternativa económica e a recuperación desas zonas con castiñeiro, pero para froito”.

Este é o segundo ano que a Deputación de Pontevedra asina un convenio con Ódega para o fomento e produción deste froito seco, o ano pasado destinouse a este proxecto 30.000 euros.