Buscar
01:17h. Domingo, 27 de Mayo de 2018

QUE CAREZAN DE INSTALACIÓNS PROPIAS AXEITADAS PARA DESENVOLVER A PARTE BUROCRÁTICA OU SOCIAL DA SÚA ACTIVIDADE

O concello ourensán de Barbadás pon en marcha unha Oficina Virtual para autónomos e pequenas empresas

O concello ourensán de Barbadás porá en marcha unha Oficina Virtual ubicada no seu Centro Empresarial Transfronteirizo (CET), destinada a autónomos e pequenas empresas locais e de municipios limítrofes.

Xosé Manuel Fírvida, concelleiro de Promoción Económica de Barbadás.
Xosé Manuel Fírvida, concelleiro de Promoción Económica de Barbadás.

Segundo explicou o concelleiro de Promoción Económica de Barbadás e tenente de alcalde, Xosé Manuel Fírvida, a oficina constará dunha sala de reunións, unha aula de informática e salón de actos. O principal obxectivo desta iniciativa é “aportar respaldo ás pequenas empresas ou autónomos que por estar empezando ou pola natureza do servizo que prestan carezan de instalacións propias ou axeitadas para desenvolver a parte burocrática ou social da sua actividade”. Engadiu que é “unha clara aposta polo tecido empresarial e comercial, así como pola cultura do emprendemento, no que tratamos de ofrecer unha axuda de utilidade na fase máis crítica da actividade empresarial·.

A Oficina Virtual permitiralle ás persoas ou empresas que a usen, utilizala como sede de tarefas burocráticas ou de ámbito formativo, administrativo ou social, xa que terán á sua disposición servizos de internet, correo electrónico, ordenadores, posibilidade de facer fotocopias. Tamén poderán recibir correos electrónicos ou postal, así como recibir envíos que serán recibidos por persoal do Centro Empresarial Transfronteirizo e enviados ou comunicados de xeito inmediato, segundo os casos, aos seus destinatarios.

Engade Xosé Manuel Fírvida que “a experiencia e o trato con persoas que traballan como autónomos ou son titulares de pequenas empresas, dí que ás veces atópanse con dificultades para poder manter unha reunión con clientes ou proveedores en condicións dignas, por carecer dun local axeitado. Somos conscientes de que ás veces un negocio pode ter máis atrancos por non poder ter un lugar tranquilo e digno onde poder falar cos seus interlocutores ou convencelos de que reúnen as condicións para facer un bon traballo na sua actividade. Somos conscientes de que para superar a competencia cada un debe aplicar as suas mellores habilidades, pero non queremos que por falla de cuestións burocráticas ou administrativas se perda a oportunidade de consolidar unha idea ou un soño profesional”.

O concelleiro de Barbadás, localidade limítrofe á capital ourensá que supera os 10.000  habitantes, subliñou que esta infraestructura poderá ser utilizada polos empresarios e autónomos locais, “pero tamén de Ourense ou concellos limítrofes, pois o que se trata e de favorecer a implantación de novas iniciativas que dinamicen a actividade económica na contorna”.