Buscar
11:46h. Domingo, 19 de Agosto de 2018

INLEIT, QUESERÍAS ENTREPINARES E CORPORACIÓN ALIMENTARIA PEÑASANTA

A Xunta subvenciona con 12,6 millóns investimentos en tres industrias lácteas radicadas na Comunidade

O Consello da Xunta vén de autorizar a concesión de tres axudas por parte da Consellería do Medio Rural a outras tantas industrias lácteas radicadas en Galicia por un importe total de 12,6 millóns de euros. Estes fondos permitirán mobilizar un investimento global de case 38,5 millóns de euros.

Preto dun terzo dos beneficiarios das axudas de Medio Rural corresponden ao sector lácteo.
Preto dun terzo dos beneficiarios das axudas de Medio Rural corresponden ao sector lácteo.

As axudas concedidas a Inleit, Queserías Entrepinares e Corporación Alimentaria Peñasanta permitiranlles realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das súas instalacións, destinadas á transformación ou comercialización de produtos agrarios.

Estas subvencións enmárcanse na convocatoria de 2018 de Medio Rural, na que en conxunto está prevista a aprobación de 97 solicitudes cun investimento subvencionable de 89,3 millóns de euros e unha axuda total a conceder de 30,3 millóns de euros. Dentro destas achegas, as destinadas ao sector lácteo representan o 58,7% da subvención total e benefician a 30 empresas. É dicir, preto dun terzo dos beneficiarios corresponden a este eido produtivo.

A continuación, por número de beneficiarios, estarían os sectores cárnico, de alimentación animal, hortofrutícola, etc. Estas axudas encádranse no Programa de desenvolvemento rural (PDR) para o período 2014-2020, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Detalles dos proxectos

Inleit, empresa de recente constitución, está construíndo na actualidade unha planta industrial para a obtención de proteínas lácteas por técnicas de filtración no polígono de Curtis-Teixeiro (A Coruña). O proxecto obxecto desta axuda ten por finalidade a obtención dun produto (permeato en po) destinado á industria alimentaria para a elaboración de chocolates, pastelaría, sopas, salsas e outros produtos lácteos. Os investimentos que se realizarán para acadar eses obxectivos superan os 12,5 millóns de euros e recibirán unha subvención de 4,4 millóns.

No caso de Queserías Entrepinares, o proxecto pretende ampliar as liñas de fabricación das instalacións da empresa situadas en Vilalba (Lugo), introducindo novos formatos para o envasado e lascado de queixo e elaborando novos produtos. Para iso a empresa realizará investimentos en instalacións e maquinaria destinadas a ese fin por valor de 10,4 millóns de euros, recibindo unha achega de 3,6 millóns por parte da Xunta. Con esta iniciativa, a empresa, que dá emprego a 97 traballadores, ten previsto incrementar nun 50% a súa produción de queixo.

Por último, o proxecto presentado por Corporación Alimentaria Peñasanta ten por obxecto a ampliación da industria láctea situada en Lugo, coa instalación dunha nova liña de envasado de leite UHT en botella de polietileno de alta densidade, co fin de mellorar a produtividade da planta e aumentar a súa versatilidade. Esta liña permitirá adaptarse ás novas demandas do mercado de leite líquido, contribuíndo con iso a garantir a viabilidade da fábrica, aumentando o volume de leite recollido e mellorando o emprego na zona. O investimento subvencionable supera os 15,4 millóns de euros, cunha axuda de 4,6 millóns.

Nos tres casos, os investimentos iniciaranse neste ano e está previsto que rematen no 2020.