Buscar
09:18h. Viernes, 17 de Agosto de 2018

VI MESA DO EMPREGO AUTÓNOMO

A Xunta convocará axudas para o relevo xeracional e para dar unha segunda oportunidade aos autónomos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou este mércores, tras a súa participación na VI Mesa do Emprego Autónomo, dúas novas medidas que a Xunta porá en marcha nas próximas semanas a través da súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia para apoiar a este colectivo.

Xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo en San Caetano.
Xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo en San Caetano.

No transcurso da VI Mesa do Emprego Autónomo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén informou das campañas de formación en prevención de riscos laborais que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

Conde indicou que a nova orde de axudas ao relevo xeracional promoverá a transmisión nos negocios dos traballadores por conta propia que estean próximos á idade de xubilación, lembrando que na actualidade en Galicia máis do 30% dos autónomos galegos se sitúa por riba dos 55 anos. Este programa, consensuado co sector, ofrecerá asesoramento no traspaso da actividade económica se a persoa traballadora conta con 63 anos ou máis, ten unha declaración de incapacidade total ou se trata dun herdeiro no caso de falecemento do titular da empresa. “Facilitaremos a intermediación para identificar as condicións óptimas do traspaso e para facilitar os plans de formación do novo autónomo”, explicou Conde.

Con respecto ao programa de axudas para a segunda oportunidade, o titular de Economía apuntou que o obxectivo é que toda persoa autónoma que queira reemprender un negocio poida facelo adquirindo un compromiso de formación. Así, esta liña de axudas centrarase na formación para que os beneficiarios poidan afrontar a nova actividade con todas as garantías  e incluirá un bono específico para investimentos que lles permita afrontar as novas necesidades. Os apoios, tal e como subliñou o conselleiro, serán compatibles con outros programas que a Xunta ten a disposición deste sector.

As dúas liñas forman aprte da Estratexia Autónomo 2020 do Goberno galego, que dedica unha media de 40 millóns anuais a apoiar aos traballadores por conta propia.

Campañaas de sensibilización

Da Mesa do Autónomo, foro no que participan as principais asociacións do sector, tamén forma parte o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA). Neste senso, o conselleiro informou das diversas campañas de información e sensibilización que se están desenvolvendo para promover un emprego saudable e seguro destacando que “a aposta pola seguridade e a saúde laboral é unha prioridade nas nosas políticas de emprego”.