Buscar
07:43h. Martes, 12 de Diciembre de 2017

A TRAVÉS DE DÚAS CONVOCATORIAS DE AXUDAS

A Xunta apoia a contratación de 750 desempregados en entidades sen ánimo de lucro

A Xunta apoiará as entidades sen ánimo de lucro de Galicia na contratación de 750 traballadores a través de dúas convocatorias de axudas que suman 11,1 millóns de euros co obxectivo de proporcionar ás persoas sen emprego unha experiencia e práctica profesional que lles facilite a súa inserción laboral.

Por unha banda, destina 8,1 millóns de euros para contratación en xeral de 500 traballadores en 235 entidades -convocatoria da que se informaba este xoves no Consello da Xunta- e, doutro lado, inviste 3 millóns de euros para a inserción laboral de 250 menores de 30 anos en preto de 170 asociacións, a través do sistema de Garantía Xuvenil, unha orde de axudas que saíu publicada no DOG en agosto e está en fase de resolución.

Con respecto á convocatoria dotada con 8,1 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia a través desta actuación a contratación de persoas sen emprego e mulleres vítimas de violencia de xénero para a realización de servizos de carácter social relacionados co ámbito da discapacidade e a atención ás persoas maiores, nenos ou persoas en risco de exclusión social. Así mesmo, as persoas contratadas poden realizar labores de carácter empresarial, culturais, deportivos, de tempo libre e vinculados á mocidade en xeral.

Os apoios van dirixidos ás entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais, preferentemente no eido da discapacidade e/ou risco de exclusión social. A contía máxima da axuda que percibirán as entidades beneficiaras varía segundo o grupo de cotización.

O pasado ano, a medida concedida por traballador nos dous programas foi de preto de 15.000 euros. Os beneficiarios deberán estar desempregados e inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Estas actuacións complementan outras iniciativas que ten en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria para colaborar coas entidades sen ánimo de lucro, entre as que destacan o programa de contratación de axentes de emprego, profesionais que axudan ás persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social a atopar un posto de traballo. Esta convocatoria de axudas, ás que se destina 1 millón de euros, saíu esta semana publicada no DOG.