Buscar
07:33h. Jueves, 20 de Septiembre de 2018

Axudas para contratacións en concellos rurais

A terceira edición do programa Aprol Rural ampliará a súa dotación económica ata os sete millóns de euros

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Lugo unha xuntanza con alcaldes da provincia na que lles confirmou que a terceira edición do programa Aprol Rural ampliarase ata os 7 millóns de euros para dar resposta ás solicitudes presentadas.

O  conselleiro de Economía cun grupo de alcaldes lucenses./V.RODRÍGUEZ.
O conselleiro de Economía cun grupo de alcaldes lucenses./V.RODRÍGUEZ.

A previsión é que 257 concellos do rural poidan contratar a preto de 640 desempregados a tempo completo por un período de nove meses para realizar diversas tarefas vinculadas co sector forestal como silvicultura, biomasa ou limpeza de montes. No caso da provincia de Lugo, presentaron a súa solicitude 56 concellos. A previsión é que se poidan contratar a 120 concellos cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

A través desta iniciativa, a Xunta, polo tanto, apoia a contratación de persoas desempregadas en municipios rurais para o desenvolvemento de tarefas vinculadas de xeito específico, este ano como novidade, co sector forestal e o aproveitamento do monte. O pasado ano, esta actuación permitiu en toda Galicia a contratación de 425 persoas de preto de 220 concellos e, no caso da provincia de Lugo, foron 52 os municipios beneficiados, case 4 de cada 5, para contratar a 101 desempregados.

Os Concellos Emprendedores terán prioridade no acceso a estas axudas que buscan incrementar as oportunidades laborais no rural.  Neste senso, Conde destacou que preto da metade dos concellos da provincia de Lugo (unha trintena de municipios) o ben xa se adheriron ao convenio asinado entre a Xunta e a Fegamp para impulsar o investimento en Galicia ou están coa tramitación correspondente para poder converterse en Concellos Emprendedores,  “comprometidos coa industria e o emprego para facilitar a captación de investimentos”, apuntou.

Obradoiros de emprego forestais

Por último, o titular de Economía referiuse tamén a unha convocatoria específica para desenvolver este ano obradoiros de emprego forestais, que terá unha reserva de 5 millóns de euros para o desenvolvemento de actividades vinculadas ao sector forestal e o aproveitamento do monte. Xunto cos 7 millóns do Aprol Rural, Conde sinalou que se trata “dunha aposta de 12 millóns de euros para apoiar toda a actividade vinculada tanto á contratación directa de traballadores como ao desenvolvemento de obradoiros forestais”.