Preténdese apoiar os postos de traballo de 2.500 persoas con discapacidade

Publicadas as axudas para centros especiais de emprego

O DOG vén de convocar as axudas para os centros especiais de emprego para as que a Xunta destina este ano un total de 12,4 millóns de euros.

Publicadas as axudas para centros especiais de emprego
Covadonga Toca na súa visita ao centro especial de emprego Trameve.
Covadonga Toca na súa visita ao centro especial de emprego Trameve.

Así o avanzou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, nunha visita que realizou a Trameve, un centro especial de emprego situado en Santiago dedicado ao tratamento medioambiental de vehículos.

En concreto son tres programas de axudas para os que se abriu o prazo de solicitudes: un destinado ás unidades de apoio á actividade profesional; outro para a creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego; e o terceiro dirixido ao mantemento do custo salarial destes centros.

O obxectivo, segundo apuntou Covadonga Toca, é apoiar os postos de traballo das 2.500 persoas con discapacidade que traballan nos 107 centros especiais de emprego en Galicia, contribuír a crear 40 empregos indefinidos e, ademais, financiar a contratación de 60 traballadores.

Estas axudas enmárcanse na Axenda 20 xunto con outras iniciativas como os programas de incentivos para o fomento da contratación, cuxo prazo está aberto ata o 15 de outubro; ou unha nova iniciativa de apoio para a contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que está a punto de convocarse. En total, este ano destínanse 14,6 millóns de euros para promover o emprego de persoas con discapacidade.

A secretaria xeral de Emprego puxo en valor o papel que desempeñan os centros especiais de emprego ao ofrecer unha oportunidade laboral para moitas persoas con discapacidade. Concretamente, destacou o labor de Trameve, onde traballa un equipo de 20 persoas dedicado á recuperación de vehículos para a venda dos seus compoñentes ou con destino ao desguace.

Publicadas as axudas para centros especiais de emprego