Buscar
16:44h. Viernes, 25 de Mayo de 2018

ATA O 30 DE ABRIL, PRAZO PARA SOLICITALAS

Preto de 33.000 gandeiros galegos poderán acceder ás axudas da PAC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural que regula os pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural da Política Agraria Común (PAC).

A PAC repartirá en Galicia un total de 190 millóns de euros.
A PAC repartirá en Galicia un total de 190 millóns de euros.

Son un total de 190 millóns de euros para preto de 33.000 beneficiarios galegos, que terán ata o vindeiro 30 de abril para solicitar ditas achegas. Estas achegas proceden dos pagamentos directos da PAC (Fondo Europeo Agrícola de Garantía, Feaga) e das medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitacións naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Entre as principais novidades que presenta esta convocatoria, cabe destacar que se establece unha nova definición para os pastos permanentes. Así, para as superficies de pastos arbustivos ou con arboredo, xa non é esixible a predominancia de cuberta de herba ou forraxes herbáceas, sempre e cando as especies arbustivas ou arbóreas sexan utilizadas na alimentación do gando. Por outra banda, no que respecta ás axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) distintas das zonas de montaña, destaca o incremento no número de concellos nos que os agricultores e gandeiros poderán beneficiarse da achega, pasando de 89 a 179.

Ao igual que na pasada convocatoria, mantense o período principal de cultivo, que vai do 15 de xaneiro ao 15 de abril para os agricultores con máis de 10 hectáreas de terras con obrigas de diversificación de plantacións. Estes mesmos agricultores vense favorecidos coa simplificación nas superficies de interese ecolóxico (SIE) cando a dita terra de cultivo supere as 15 ha, ademais dunha maior flexibilización nos requisitos de diversificación cando máis do 75% dos terreos estean cubertos por herba ou outras forraxes herbáceas ou por parcelas en barbeito.

Con respecto ao pago complementario para agricultores mozos, este increméntase do 25 ao 50% do importe do pago básico. Tamén se flexibiliza o período no que poderán solicitar a axuda respecto da data da incorporación, co fin de facilitarlle a súa integración á actividade agraria.

Prazo de solicitudes

O prazo para presentar a solicitude única prolóngase ata o vindeiro 30 de abril, sendo obrigatorio facelo por vía electrónica e dirixida ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) a través do formulario que se pode atopar en https://sgapac.xunta.es.