Buscar
23:53h. Martes, 19 de Junio de 2018

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DESTAS AXUDAS, DE ATA 3.000 EUROS

A nova convocatoria do Bono Autónomo permitirá financiar tamén investimentos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria do programa do Bono Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria para este ano, que está dotado cun investimento de 3 millóns de euros.

O prazo de solicitude para optar ás axudas do Bono Autónomo, de ata 3.000 euros, rematará o próximo 4 de xullo.

Trátase dunha iniciativa coa que a Xunta busca apoiar servizos e investimentos para a mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia que contan cunha antigüidade superior aos 42 meses, teñan uns rendementos netos reducidos que sexan inferiores a 30.000 euros ao ano e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria. A Administración autonómica prevé beneficiar a 1.000 autónomos. Apoiaranse os gastos que se teñan realizado desde o 5 de xuño e ata o 20 de decembro.

Dúas liñas

A actuación conta con dúas liñas de axudas para mellorar a competitividade dos autónomos. Apoiarase, dunha banda, o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, comunicación, refinanceamento ou reorientación do negocio, así como os dirixidos ao uso das novas tecnoloxías. Tamén se poderán aprobar axudas para outros estudos ou plans que teñan como fin incrementar a competitividade da actividade empresarial.

Doutra banda, como novidade este ano, financiaranse investimentos relacionados coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos; coa reforma do local; a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio.

Outras liñas de apoio que mantén activadas o Goberno galego para favorecer a consolidación da actividade do colectivo autónomo son as axudas para favorecer a conciliación e para ampliar a tarifa plana.