PEL-Emprende Investimento distribúe 1,1 millóns de euros

Máis de cen empresas e autónomos coruñeses reciben axudas da Deputación para novos investimentos

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a listaxe das 109 empresas e autónomos beneficiarios das axudas da liña PEL- Emprende Investimento, destinadas a consolidar e fortalecer o tecido empresarial da provincia da Coruña a través do apoio ao investimento en bens inventariables directamente relacionados coa actividade que desenvolven.

Máis de cen empresas e autónomos coruñeses reciben axudas da Deputación para novos investimentos
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, na presentación dos datos do PEL.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, na presentación dos datos do PEL.

Con esta liña de subvencións, o PEL permitirá que 109 empresas de recente creación invistan un total de 1,1 millóns de euros na adquisición de aplicacións informáticas, maquinaria, utillaxe, mobiliario e equipos para procesos de información necesarios para o desenvolvemento dos seus proxectos empresariais.

As axudas están destinadas a empresas con menos de cinco anos de antigüedade da provincia da Coruña, que reciben ata 20.000 euros a través deste programa.

PEL Emprende duplicará o seu orzamento en 2019

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, apuntou que esta liña do Plan de Emprego Local (PEL) "contribuirá a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e permitindo o desenvolvemento de proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, pero que en poucos anos poden chegar a consolidarse e ser referencia no seu sector".

Ante a gran demanda das subvencións, que rexistrou preto de 1.300 solicitudes, González Formoso anunciou que o Goberno provincial decidiu inxectar 1 millón de euros máis na vindeira convocatoria 2019 desta liña, que contará cun orzamento de 2,1 millóns, co obxecto de reforzar o programa e chegar a máis empresas da provincia.

As empresas lideradas por mulleres obteñen o 65% das axudas

No programa de axudas de PEL- Emprende Investimento 2018, destaca o apoio a inciativas empresariais lideradas por mulleres, cun total de 71 axudas concedidas, que representan o 65,14% do total . Así, 683.431,21€ destínanse a empresas onde a presenza de mulleres na súa dirección e xestión é maioritaria.

En xeral destaca que a meirande parte das solicitudes concedidas irán destinadas a investimentos no sector do asesoramento empresarial e consultaría (14% das solicitudes), seguido polos servizos persoais, de saúde e benestar (13%) onde destacan as actividades de servizos sociais para persoas con discapacidade así como atención sociosanitaria. No sector da construción (7%) cabe destacar a aposta pola economía circular a través do reciclaxe dos residuos e a reutilización dos produtos sobrantes.

En canto á distribución das axudas por concellos, un total de 76 empresas, é dicir, case o 70% do total das empresas que reciben axuda económica con cargo a esta liña, teñen o seu centro de traballo en 40 concellos de menos de 20.000 habitantes, entre as que se distribuirán preto do 64% do orzamento concedido. Do concello de Bergondo proceden sete solicitudes concedidas e dos de Cee e Noia, cinco en cada un. As comarcas de Santiago, con 281.161 euros concedidos, A Coruña, con 268.181, e Ferrol, con 135.138 euros, son as máis beneficiadas desta liña de axudas. 

Máis de cen empresas e autónomos coruñeses reciben axudas da Deputación para novos investimentos