Financiaranse 750 cursos

O DOG publica axudas para formación de desempregados

A Xunta impulsa este ano con 48 millóns de euros a formación para desempregados que se imparte en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro, unha contía que permitirá a posta en marcha de 750 cursos para beneficiar a 11.250 alumnos e alumnas.

O DOG publica axudas para formación de desempregados

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as axudas por valor de 40,7 millóns de euros, para financiar os cursos que impartirán entidades sen ánimo de lucro, empresas e concellos, unha cantidade á que se suman preto de 7 millóns para as becas que o Goberno galego outorga para facilitar a asistencia dos beneficiarios financiando os gastos de transporte, manutención e conciliación.

As accións formativas que se inclúen nesta programación diríxense con carácter preferente a persoas desempregadas que sexan mulleres -especialmente vítimas da violencia de xénero-, parados de longa duración, menores de 30, persoas con discapacidade, persoas que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais. Permítese tamén a participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas sempre e cando as prazas non sexan cubertas por desempregados.

As axudas dirixidas a empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro inclúen este ano novidades co propósito de mellorar este programa que ten como obxectivo incrementar a ocupabilidade das persoas sen un traballo facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. É unha formación homologada con certificados de profesionalidade con validez en toda  España.

Con respecto ás novidades, destacan a ampliación da duración dos cursos ao longo de todo ano, xa que a convocatoria de axudas será por primeira vez plurianual (2017-2018), o que posibilitará a impartición dunha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos alumnos.

Así mesmo, este ano darase máis relevancia ás especialidades con maiores índices de inserción laboral. Este criterio xa se viña aplicando pero agora terá un maior peso na valoración. Deste xeito, ademais das accións con maior demanda e inserción laboral outorgaranse máis puntos aos cursos relacionados coa Industria 4.0 e os que se vinculan coas competencias de idiomas, ofimática, tecnoloxías da información e comunicación, coñecementos financeiros, xurídicos e do funcionamento das administracións públicas.

Tamén, como mellora, o Goberno galego reserva unha parte da programación para a formación en competencias clave que é a dirixida a aquelas persoas sen estudos básicos.

O DOG publica axudas para formación de desempregados