As convocatorias están abertas ata o 21 de maio

A Deputación da Coruña destina 1,25 millóns en axudas a asociacións agrarias e entidades de promoción económica

A Deputación da Coruña vén de publicar no BOP a convocatoria de varias liñas de subvencións, destinadas a asociacións agrarias e labregas e a entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica.

A Deputación da Coruña destina 1,25 millóns en axudas a asociacións agrarias e entidades de promoción económica
Sede da Deputación da Coruña.
Sede da Deputación da Coruña.

Estas liñas de axudas suman un orzamento de 1.250.000 euros, aos que hai que sumar outros 482.000 euros que a Deputación da Coruña destina en 2018 para apoiar ás confrarías de pescadores e cuxas bases foron publicadas a principios de mes.

O deputado responsable da área de Promoción Económica José Luís García, destacou a importancia destas axudas "para apoiar á xente do mar e do campo nunha provincia como a da Coruña, na que o sector primario é fundamental para o desenvolvemento da nosa economía" e explicou que estas "contribuirán a manter a actividade das entidades e a modernizar as súas infraestruturas, facéndoas máis competitivas".

Asimesmo, destacou que as axudas de promoción económica para entidades contribúen a dinamizar a economía da provincia, á promoción dos produtos autóctonos e creación de emprego.

400.000 euros para apoiar a entidades agrarias

A Deputación da Coruña destina en 2018 un orzamento de 403.000 euros para apoiar ás entidades agrarias, labregas e forestais da provincia nas súas actividades e investimentos con dúas liñas de subvencións que contan con orzamentos de 285.000 e 118.000 euros, respectivamente. Entre as actividades e investimentos susceptibles de ser subvencionadas, as bases inclúen as accións tendentes á recuperación e posta en valor dos produtos agrogandeiros locais, o asesoramento e formación para a realización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica ou mellora da calidade xenética, o fomento do uso das novas tecnoloxías e as enerxías renovables, ou os proxectos orientados ao aproveitamento forestal e á prevención de incendios.

Construción de peches, acondicionamento de locais, adquisición de equipos e programas informáticos, accións de repoboación forestal, campañas de desbroce, implantación e acondicionamento de novos cultivos ou proxectos de modernización de instalacións agropecuarias son algunhas das accións que a Deputación poderá cofinanciar coas entidades que se acollan a estas axudas.

850.000 euros para a promoción económica da provincia

A segunda liña de axudas está destinadas ás entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña que desenvolvan acción de promoción económica e contan cun orzamento global de 850.000 euros, dos que 500.000 euros destinaranse a investimentos e 350.000 euros a actividades.

Este programa busca financiar, con achegas que irán entre os 1.000 e os 24.000 euros, accións tendentes ao desenvolvemento económico, o fomento do emprego, o apoio ao comercio e á hostalaría entre as que se contan a organización de eventos (congresos, exposicións, festas de interese turístico, feiras de artesanía, festas de exaltación de produtos gastronómicos típicos da zona), actividades de dinamización e apoio do comercio local, entre outras.

No apartado de investimentos, as axudas da Deputación coruñesa estarán orientadas á reforma e mellora dos locais sociais da entidades, implantación de internet no rural, adquisición de material informático e outros equipamentos tecnolóxicos como os TPV para á adaptación ás obrigas de facturación, mellora das instalacións eléctricas ou creación e desenvolvemento de páxinas web e aplicacións para móbiles.

O prazo para solicitar estas subvencións remata o vindeiro 21 de maio. As solicitudes realizaranse de forma telémática a través da plataforma Subtel.

A Deputación da Coruña destina 1,25 millóns en axudas a asociacións agrarias e entidades de promoción económica