Buscar
06:06h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

INICIATIVA ENMARCADA NA NOVA LEI DE IMPLANTACIÓN EMPRESARIAL

Os concellos que aposten pola captación de investimentos terán prioridade nas axudas da Xunta en materia de emprego, industria e emprendemento

O Goberno galego priorizará nas súas axudas dirixidas a emprego, industria e emprendemento aos Concellos Emprendedores, unha medida incluída na Lei de implantación empresarial e que foi anunciada este xoves no Consello da Xunta.

Unha reunión do Conselo da Xunta./C.PAZ.
Unha reunión do Conselo da Xunta./C.PAZ.

Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles municipios que se adhiran ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co obxectivo de xerar máis actividade industrial na Comunidade Autónoma.

En concreto, os Concellos Emprendedores terán preferencia nas seguintes convocatorias: os obradoiros de emprego, axentes de emprego, os programas integrados de emprego (PIE), os apoios aos parques empresariais, viveiros industrias, e as axudas para mercados excelentes e espazos activos de emprendemento. En global, a Administración autonómica destinará o próximo ano a estas convocatorias preto de 42 millóns de euros.

Para desenvolver esta iniciativa, o Goberno galego establecerá nestas axudas, que serán convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico, no que o baremo de puntuación supoña, polo menos, o 20 % do total.

Os Concellos Emprendedores adheridos ao convenio entre a Xunta e Fegamp comprométense, pola súa banda, a ofrecer ás empresas que mostren interese por afincarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa.

En concreto, os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95 % no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, en función da creación de emprego que se garanta.

Asemade, os Concellos Emprendedores non exixirán a taxa por licenza de obra e por apertura nos plans empresariais que impliquen a creación de novos postos de traballo e que a súa actividade empresarial estea relacionada coa Industria 4.0 ou a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

Tamén se comprometen a conceder as licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais desde que dispoñen de todos os informes, e a establecer bonificacións e incorporar o dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no seu municipio.