Buscar
02:24h. Domingo, 18 de Noviembre de 2018

Completa oferta de promoción económica do municipio ourensán

O Concello de Barbadás subvenciona con ata 2.000 euros a creación de novas empresas

O Concello de Barbadás concederá axudas de ata 2.000 euros a novas empresas creadas neste municipio ourensán.

Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás.
Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás.

A subvención irá destinada a pequenas e medianas empresas creadas entre o 1 de outubro de 2017 e o 31 de outubro de 2018, independentemente da sua forma xurídica, que sexan de nova creación, incluidos traspasos, agás os efectuados entre cónxuxes ou parellas de feito, así como familiares ata o segundo grao. Ademáis, a Concellaría de Promoción Económica de Barbadás concederará outra subvención fixa de 500 euros por posto de traballo.

As axudas variables con 2.000 euros como tope máximo por empresa serán o equivalente a metade dos gastos de posta en marcha da actividade e a entidade beneficiaria deberá estar dada de alta na Seguridade Social polo menos dous anos. Tamén serán subvencionables a metade dos gastos de xestións administrativas dende dous meses antes do inicio da actividade profesional, gastos de proxectos técnicos, visado e honorarios, licencia de obra e apertura, alta no Rexistro Mercantil, escrituras públicas, etc. Asemade, serán susceptibles de subvención o 50% dos gastos de primas de seguros, existencias de mercadorías, gastos correntes (auga luz, teléfono, combustible, gas, material oficina e asimilados. Todos eles deben corresponder á actividade laboral ou comercial.

Pola sua banda, a axuda fixa de 500 euros terá de carácter individual, polo que corresponderá a cada un dos promotores que acrediten terse dado de alta na Seguridade Social, mutualidade ou o colexio profesional correspondente. 

Impulso para novas iniciativas

Para o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Fírvida, as axudas para novas actividades empresariais e comerciais son "unha aposta decidida do concello para favorecer o impulso de novas iniciativas que xeren riqueza para os vecinos de Barbadás”. Neste senso, Fívida engade que “paralelamente a estas axudas que temos abertas, dispomos dunha oferta de niñeiros empresariais no Centro Empresarial Transfronteirizo, no que xa están traballando dúas persoas e ainda poderíamos incorporar unha terceira, onde dispoñen dos servizos imprescindibles para desenvolver a sua actividade profesional por un prezo simbólico de dez euros”.

Sinala Fírvida que “este mesmo ano creamos no propio CEMIT unha oficina virtual que permite a utilización de servizos burocráticos como o envío ou recepción de correspondencia postal ou electrónica, así como o uso de instalacións para reunións profesionais e con clientes, presentación, salòn de actos, cos que completamos o que seguramente é a oferta máis completa de promoción económica nunha Administración local en Ourense, que nos permite dinamizar o movemento económico no concello”.