Buscar
17:34h. Martes, 25 de Septiembre de 2018

Ambas convocatorias publícanse este xoves e venres no DOG

As axudas da Xunta permitirán aos concellos galegos contratar 1.420 perceptores da Risga e desempregados

O Diario Oficial de Galicia publicará esta semana dúas convocatorias de axudas nas que a Xunta investirá preto de 7 millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados nos concellos de Galicia.

Antonio Fernández, alcalde de Padron, xunto a Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego.
Antonio Fernández, alcalde de Padron, xunto a Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego.

Así o adiantou este martes a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, nunha visita ao Concello de Padrón, onde mantivo unha xuntanza co alcalde para informarlle sobre as diferentes liñas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas ás administracións locais. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará, dun lado, 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.

Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses. A convocatoria sairá publicada no DOG este venres, polo que o prazo de solicitude abrirase o luns 15 de xaneiro e rematará o 12 de febreiro.

A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas terase en conta o número de desempregados e a evolución do paro rexistrado entre 2013 e 2017 de cada localidade, así como a evolución da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a 31 de decembro deste ano. 

Contratación para prestación de servizos nos concellos

O Goberno galego, doutra banda, destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos, onde realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social. Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo.

Esta orde de axudas publicarase no DOG o xoves 11 de xaneiro, polo que as solicitudes poderán realizarse desde o venres 12 de xaneiro e ata o luns 12 de febreiro.

A secretaria xeral de Emprego resaltou que con estas dúas convocatorias de axudas, ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo. Ambas enmárcanse na Axenda 20 para o Emprego do Goberno galego.